Caldas de Reis aposta polo 'trail running' para atraer máis turismo á comarca

O proxecto supón a creación dunha estación de trail homologada, con circuítos preparados para correr por sendas de montaña ►O obxectivo é que se poida ampliar a concellos próximos
Un dos espazos caldenses polos que pasarían os deportistas que se achegaran a practicar 'trail running'. CONCELLO DE CALDAS
photo_camera Un dos espazos caldenses polos que pasarían os deportistas que se achegaran a practicar 'trail running'. CONCELLO DE CALDAS

O concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, avanzou que Caldas traballa nun novo proxecto para converter o municipio en "espazo trail running de Galicia" mediante a creación dunha estación de trail homologada, que é un espazo de adestramento para os corredores por montaña composto por circuítos homologados preparados para correr por sendas e camiños de montaña balizados e cunha serie de servizos e prestacións como zonas de vestiarios, duchas, ximnasios, boas comunicacións e servizos de restauración e hostalería. Caldas conta con todos estes elementos de modo que buscando o tirón deste deporte, o Concello encargoulle á empresa especializada Sendemansu a elaboración dun proxecto técnico que será presentado proximamente.

Como explicou o concelleiro, a iniciativa terá Caldas como punto de partida mediante a creación no termo municipal dos dous primeiros itinerarios, co obxectivo de que se poida ampliar posteriormente a outros concellos próximos e convertelo, dese xeito, nun proxecto supramunicipal que poida contar co apoio económico de institucións como a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. Para a súa posta en marcha tamén se solicitará a colaboración das diferentes comunidades de montes.

Un dos espazos caldenses polos que pasarían os deportistas que se achegaran a practicar 'trail running'. CONCELLO DE CALDAS

O proxecto propón primeiramente a creación dun taller de trail de 10 quilómetros destinado principalmente a aqueles que se inician nesta disciplina deportiva que comunicaría o Monte de Santa María e a Pedra Filga. A ruta tería 460 metros de desnivel positivo con ramplas de entre o 15 e o 20% de desnivel, todo elo por unha contorna sombría, fresca e moi agradable. Xa para corredores máis experimentados proponse a creación do itinerario de Xiabre con distancia de maratón e 2.076 metros de desnivel positivo, con ramplas que poden alcanzar o 30% de pendente. As rutas contarán cun marcado específico mediante balizas de dirección e identificativas de cada sendeiro.

Manuel González destacou que "o runner ten unha familia que xeralmente lle acompaña nos seus desprazamentos cando participa en probas ou adestramentos, polo que unha estación de trail debe contar con atractivos suficientes para encher os tempos de repouso e descanso do corredor e en Caldas somos unha referencia en aloxamentos turísticos, establecementos gastronómicos e temos unha chea de recursos turísticos, culturais e patrimoniais que deste xeito tamén potenciaremos e poremos en valor".

Comentarios