jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

Caldas comprométese coa sostibilidade no Camiño Portugués

Ponentes das V Xornadas Internacionais de Medio Ambiente e Turismo Sostible no Camiño Portugués.
Ponentes das V Xornadas Internacionais de Medio Ambiente e Turismo Sostible no Camiño Portugués. CEDIDA
Os relatores das V Xornadas Internacionais de Medio Ambiente destacaron a singularidade desta ruta cara a Compostela e a súa integración na natureza, no territorio e na tradición

Caldas acolleu esta semana as quintas Xornadas Internacionais de Medio Ambiente e Turismo Sostible no Camiño Portugués que foron clausuradas o xoves e nas que se reivindicou unha estratexia pola protección da natureza e pola sostibilidade no desenvolvemento do Camiño Portugués .

As Xornadas foron organizadas polo Concello de Caldas e o Programa de Municipios Saudables e Sostibles 2000-2025, baixo a dirección do profesor Francisco Peña, e contou co apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, ademais do patrocinio e a colaboración de diversas empresas.

Na última sesión interveu o arzebispo de Santiago, Monseñor Julián Barrio, que destacou a importancia da ecoloxía integral e humana, e subliñou que o Camiño pon os peregrinos en contacto coa natureza e con outras culturas e sociedades.

Os diversos relatores destacaron a singularidade do Camiño Portugués e a súa integración no medio ambiente, no territorio e na tradición, e a necesidade de manter os valores intrínsecos do Camiño e protexer o patrimonio natural, paisaxístico e ambiental no seu percorrido verde.

Os participantes valoraron as diferentes actuacións para garantir a sostibilidade dos territorios que atravesa o Camiño, e as medidas de prevención, información, sensibilización e protección que están a levar a cabo as diferentes administracións, entidades e empresas vinculadas co desenvolvemento do Camiño.

O profesor Francisco Peña destacou que "Caldas de Reis é un lugar estratéxico e un referente ambiental en Galicia despois de vinte anos acollendo o Curso de Saúde Ambiental e cinco edicións destas xornadas internacionais do Camiño Portugués que son un foro para reunir responsables de diferentes entidades comprometidas cun medio ambiente máis saudable e sostible".

Pola súa banda, o primeiro tenente de alcalde, Manuel González, destacou na inauguración das xornadas o compromiso medioambiental do Concello e na protección do medio natural e a paisaxe, con investimentos moi importantes en materia de saneamentos, reciclaxe e compostaxe, eficiencia enerxética e moitas outras accións definidas no Plan de Acción polo Clima (Paces) e no Plan de Mobilidade Sostible.

Tamén o compromiso en materia de protección da natureza coa restauración de lugares tan emblemáticos como a fervenza de Segade e o Xardín Botánico e Carballeira de Caldas.

Caldas comprométese coa sostibilidade no Camiño Portugués
Comentarios
ç