Caldas de Reis enche o Nadal de música, roscón con chocolate e obradoiros

Baixo o título 'Vive o Nadal!', haberá accións para todos os gustos e idades, incluíndo unha ludoteca entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro no Alfonso VII
El edil socialista, Manuel Fariña, este martes, en rueda de prensa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera El edil socialista, Manuel Fariña, este martes, en rueda de prensa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello presentou unha programación para as festas de Nadal chea de música, chocolate e obradoiros, con actividades case diarias entre o 2 de decembro e o 5 de xaneiro. O tenente de alcalde, Manuel Fariña, pretende que a vila sexa "un fervedoiro de actividade, cultura e ocio para a veciñanza e visitantes".

Baixo o título Vive o Nadal!, haberá accións para todos os gustos e idades, incluíndo unha ludoteca entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro no Alfonso VII. Haberá tamén un mercado de Nadal na Prazuela entre o 15 e o 17 de decembro, visitas de Papa Noel aos centros de ensino (os días 20 e 21) e polas rúas de Caldas (o 23 e 24 na Praza Doutor Sesto Casal), música coa ESMU con concertos entre o 18 e o 21, e cine infantil o 26 e 27 de decembro nos cines Avenida.

A programación arrinca este sábado cunha chocolatada ás oito da tarde na rúa Souto de María López. O chocolate e o típico Roscón de Caldas serán tamén o eixo central dunha das actividades que máis se repetirá, o Choconadal, que mesturará sempre a música co reparto -de balde- de ambos doces.

Este sábado o Choconadal irá por Reirís -San André- a partir das 21 horas, facendo un percorrido, para despois gozar dunha actuación do Trío Premium (22 horas). O domingo a actuación será en San Clemente (19 horas) con concerto de Fanfarría Furruxa. E seguirá recorrendo lugares todo o mes.

Haberá tamén celebracións varias, como a festa na honra da Virxe de Rosario o venres 8, con pasarrúas e concerto de Fanfarría Furruxa e do Coro parroquial de Arcos da Condesa en Casaldrago-San Clemente. O domingo 10 terá lugar unha andaina solidaria e no Auditorio haberá teatro.

O mércores 13 en Arcos da Condesa terán festexos na honra de Santa Lucía a cargo do Coro parroquial. O venres 15 será a quenda do Apalpador e a nena sen medo, un contacontos e monicreques a cargo de A xanela maxín (Biblioteca), e con inscrición previa.

O sábado 16 haberá unha Papanoelada solidaria a cargo da peña moteira Os Keimaos; mentres o domingo 17 será a quenda dunha Gala de Nadal do Club Roli (Pavillón municipal), e un concerto de Nadal da Coral Polifónica de Caldas (Igrexa de San Tomé).

Xa o venres 22 terá lugar un obradoiro de adobíos de Nadal no que poderán participar, con inscrición previa, nenas e nenos de máis de 3 anos (Biblioteca municipal) e o sábado 23 celebrarase o 50 aniversario do CPI Alfonso VIII no Auditorio municipal.

O venres 29 no Saiar celebrarase un concerto da Escola de instrumentos tradicionais de Suso Vaamonde. Xa o 30 desenvolverase o Trofeo Caldas Vila Termal na Piscina municipal, mentres que pola tarde farase a Festa Pre-Fin de ano infantil.

O xoves día 3 de xaneiro terá lugar un "Obradoiro máxico de Reis" dirixido a crianzas de máis de 6 anos no Auditorio, para o sábado 5 facer a tradicional Cabalgata de Reis dende as 18 horas.

Comentarios