Caldas de Reis inicia un cribado para o que están convocados 4.069 veciños

As probas desenvolveranse ata o venres no edificio da Escola Taller e Usos Múltiples e van dirixidas a persoas con idades entre 30 e 64 anos
Instalacións da Escola Taller e Usos Múltiples que puxo o Concello a disposición do Sergas. CEDIDA
photo_camera Instalacións da Escola Taller e Usos Múltiples que puxo o Concello a disposición do Sergas. CEDIDA
A veciñanza de Caldas de Reis con idades comprendidas entre os 30 e os 64 anos están sendo convocados vía mensaxes SMS para participar nun cribado polo covid-19 que será realizado nas instalacións do novo edificio da Escola Taller e Usos Múltiples, conexo á nova Escola de Música, na parroquia de Santa María. As probas, que contarán con catro equipos de enfermería por turno para atender a un total 4.069 cidadáns, terán o seu inicio ás 15:00 horas deste martes e desenvolveranse ata o vindeiro venres día 12.

Nas últimas horas o Concello estaba acabando de adecuar as instalacións para facilitar o proceso de cribado. Un operativo da Policía Local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Caldas facilitarán os accesos ás persoas seleccionadas. Neste sentido, o alcalde recorda á veciñanza a necesidade de manter actualizados os datos de contacto da tarxeta sanitaria individual, ou de actualizalos de forma inmediata a través da web do Sergas.

O alcalde da vila termal, Juan Manuel Rey, lembra que desde hai varias semanas está en contacto coa Xerencia Territorial do Sergas para levar a cabo este proceso de cribado, e que xa o pasado venres visitaron as instalacións seleccionadas cos técnicos responsables. O rexidor municipal solicita a máxima colaboración cidadá para participar neste proceso.

Pola súa parte, o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, que concretou este luns co alcalde de Caldas de Reis o proceso de cribado, agradeceu a colaboración do Concello e a dispoñibilidade amosada en todo momento para facilitar esta operación que busca un diagnóstico máis fiable da situación pola que atravesa o termo municipal, así como a posta a disposición de diversas instalacións por parte das autoridades locais.

Comentarios