Caldas de Reis insiste en que a seguridade na Festa da Primavera é "innegociable"

O Concello respondeu á polémica cos feirantes, aos que asegura que abrirá as portas a todos aqueles postos que cumpran as normativas
Atraccións de feira. J.L. OUBIÑA/ADP
photo_camera Atraccións de feira. J.L. OUBIÑA/ADP

O Concello de Caldas de Reis pronunciouse este xoves respecto á problemática coa instalación de atraccións de feira na Festa da Primavera deste fin de semana e asegurou que as portas estarán abertas para todos os postos que acepten os plans de seguridade. O tenente alcalde, Manuel Fariña, afirmou que o cumprimento desta normativa é "básico e innegociable".

"Por unha cuestión de orde e tranquilidade para todas as persoas asistentes, é imprescindible que as barracas e postos de bebida e comida se instalen onde se lles asigna e non en calquera sitio sen control", asegurou Fariña, quen insistiu na necesidade de organizar toda a actividade da zona "de maneira estrita".

O tenente de alcalde considera que a postura dos feirantes é "de forza conxunta para presionar ao Concello e saírse coa súa". Así, os lugares e as condicións que eles propoñen "non son viables segundo o Plan de Autoprotección que este ano o Concello contratou por primeira vez", tendo en conta a gran previsión de asistencia.

Fariña asegurou que "aínda queda tempo para chegar a un acordo" e fixo un chamamento á "sensatez" por parte dos feirantes. Subliñou que a intención do Concello é que a festa estea completa, xuntando música con atraccións igual que en anos anteriores, polo que comprende "que haxa veciñanza, sobre todo rapazada, que queira que haxa barracas e postos, mais o Goberno local non permitirá a montaxe a calquera prezo: a seguridade vai primeiro".

Fariña aclara que a Festa da Primavera, aínda que non teña atraccións e postos na zona traseira da Tafona, terá postos de bebida onde as verbenas. As actuacións musicais comezarán hoxe co Kalidas Primavera Fest, continuarán este sábado coa Orquestra Panorama e o domingo co Grupo Alkar e o dj Marcos Magán.

Comentarios