Caldas de Reis presenta a nova imaxe da área do petróglifo de Laxe dos Bolos

Os traballos realizados completan o proxecto de investigación multidisciplinar, sinalización e acondicionamento
Unha vista da área onde se atopa o petróglifo de Laxe dos Bolos. DP
photo_camera Unha vista da área onde se atopa o petróglifo de Laxe dos Bolos. DP

O primeiro tenente de alcalde, Manuel González, informou dos traballos realizados para completar o proxecto de investigación multidisciplinar e acondicionamento do petróglifo de Laxe dos Bolos, no monte Xiabre, na parroquia de Saiar. Operarios do Servizo de Medio Ambiente retiraron con precaución a vexetación da contorna do petróglifo, baixo a supervisión e control da arqueóloga do Instituto de Ciencias del Patrimonio do CSIC, Elena Cabrejas. Pola súa parte, a Comunidade de Montes de Saiar, titular dos terreos, realizou a roza da pista de acceso ata a zona do petróglifo, colaborando en todo este proceso co equipo de arqueólogos e co Concello. Todas estas accións foron promovidas polo Departamento de Cultura do Concello e contan coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

O pasado sábado tamén foi instalada a nova sinalización interpretativa do conxunto rupestre, que redirixe a través de códigos QR á información detallada dos gravados xa incluída na páxina web www.caldasdereis.com. O calco completo que se pode observar foi realizado neste proxecto con fotogrametría, utilizando un dron con cámara multiespectral e unha cámara de alta resolución con precisión milimétrica que permite obter unha representación tridimensional xeorreferenciada do petróglifo, accesible agora a todo o público. Tamén está a disposición dos colexios material didáctico elaborado pola empresa Tictura e editado polo Concello, que está dirixido ao alumnado de Primaria e do primeiro curso da ESO.

Estaba previsto realizar unha visita nocturna moi especial coincidindo co solsticio de verán, cando o Sol sae por detrás do monte Xesteiras e o fenómeno pode ser observado na noite de San Xoán dende a Laxe dos Bolos, que xa tiña unha función de santuario vinculado coa astronomía, pero a actividade tivo que ser suspendida nesta ocasión pola previsión de nebulosidade.

A arqueóloga caldense do INCIPIT, Elena Cabrejas, destaca que "o petróglifo ten unha cantidade inxente de gravados nunha superficie de 17,5 metros de lonxitude e catro metros de ancho, sendo o de maior riqueza iconográfi ca do noroeste peninsular, con máis de dezaseis motivos distintos, unha diversidade totalmente excepcional".