Caldas de Reis propón que a Mancomunicade Ulla e Umia asuma a xestión do GES

O Concello considera que ao tratarse dun servizo do que se benefician varios municipios todos deben axudar económicamente
GES de Lalín. DP
photo_camera GES de Lalín. DP

O Goberno municipal de Caldas de Reis remitiu onte unha carta a Vicepresidencia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, na que se realiza unha proposta moi concreta para dar saída á situación do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) anteriormente situado no concello de Valga. Na misiva —tamén enviada á Deputación de Pontevedra e á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)— proponse que ao tratarse dun servizo do que se benefician varios concellos, todos han de axudar na xestión e nos custos económicos derivados do mesmo e, polo tanto, solicítase que se estude a posibilidade de que a xestión sexa asumida a través da Mancomunidade Ulla e Umia.

Segundo o Concello este ofrecemento non só permitiría reactivar un servizo de emerxencias que leva dous meses parado, senón que serviría como oportunidade de reactivación da propia Mancomunidade e, ao mesmo tempo, daría a posibilidade de sumar ao territorio de actuación do GES a municipios como Moraña, que anteriormente quedaban fóra.

O alcalde, Juan Manuel Rey, reuniuse nos últimos días coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, e co presidente da Fegamp, Alberto Varela, para trasladarlle esta proposición "que ambas institucións valoraron moi positivamente", indicou o Goberno municipal. "Deste modo, trátase duna oferta que non parte só do Concello senón que suma tamén o apoio destes organismos", subliña.

INFORMES TÉCNICOS. O Goberno de Caldas de Reis considera que nas condicións actuais non corresponde por parte do Concello a asunción do servizo e así o desaconsellan tamén os informes dos técnicos municipais, asegura.

Así, os documentos xurídicos sosteñen que acoller o GES "é inasumible ao ser unha competencia impropia por tratarse dun corpo que presta servizo a varios concellos" e do que, polo tanto, os custes derivados "deberían ser afrontados en conxunto por un organismo de ámbito supramunicipal", engade. Desta maneira, a proposta do Concello pasa por unha xestión compartida a través da Mancomunidade pero mantendo Caldas como a sede do corpo ao tratarse da cabeceira comarcal.

O Goberno local recorda tamén que se constatou que ningún concello da zona quixo asumir por si só esta competencia, "motivo polo que gaña máis forza a posibilidade de darlle unha solución a través da xestión mancomunada", conclúe.

Críticas. O PP culpa a Rey da suspensión

O PP criticou onte a tardanza do Concello en constituír o GES en Caldas e achácao á "irresponsabilidade de Juan Manuel Rey que está torpedeando a posta en marcha dun servizo que aumentaría a seguridade dos veciños". "A comarca está agora ao descuberto sen que o Concello estea a mover un dedo", indicou. 

Pola súa banda, o Goberno local responsabiliza á Xunta de que o servizo leve dous meses sen funcionar, xa que "é quen debe buscar con urxencia unha solución".

Comentarios