Caldas retoma as negociacións para ampliar o IES Aquis Celenis

O alcalde reuniuse onte cos propietarios dos terreos próximos ao instituto coa intención de que as instalacións poidan acoller FP
2020062612260267579
photo_camera O instituto Aquis Celenis e os terreos anexos cara a onde se pretende ampliar o centro. CEDIDA

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, informou este xoves sobre o reinicio das negociacións por parte do Concello cos propietarios dos terreos próximos ao instituto Aquis Celenis para facilitar a ampliación do centro educativo de modo que poidan acoller módulos de Formación Profesional, ademais de aumentar as instalacións onde se imparten as ensinanzas de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

O rexedor explicou que, ao mesmo tempo, mantéñense contactos permanentes coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia nos que se informa sobre o procedemento para avanzar de forma coordinada neste proxecto tan importante para a localidade.

O alcalde caldense adiantou que confía en alcanzar un acordo durante as próximas semanas cos propietarios. Actualmente as negociacións para a compra dos terreos están pendentes dunha valoración externa, segundo explicou o rexedor.

Juan Manuel Rey afirmou que "avanzar na posta a disposición da Xunta de Galicia da superficie necesaria para a ampliación do IES Aquis Celenis é fundamental para ampliar a oferta educativa pública do municipio e dar resposta a unha vella demanda da comunidade educativa".

"Gañar espazo para albergar novos módulos e aumentar a oferta educativa é unha prioridade tanto para o instituto como para o Concello, posto que hai unha boa parte do alumnado que ao rematar a ensinanza obrigatoria precisa unha alternativa formativa máis aló do Bacharelato", sinalou o mandatario socialista.

Comentarios