A caldense Ana Fariña expón os seus oleos no Centro Empresarial de Tambre

Mostra paisaxes urbanas e rurais con pinceladas figurativas. A exposición 'Uno de varios' comeza este luns e remata o 16 de xullo
Unha das obras da mostra de Ana Fariña Potel. CEDIDA
photo_camera Unha das obras da mostra de Ana Fariña Potel. CEDIDA

Ana Fariña Potel (Caldas de Reis, 1948) expón desde este luns e ata o 16 de xullo os seus óleos de paisaxes urbanas e rurais con algunha pincelada figurativa no Centro Empresarial do Tambre. A pintora caldense comeza a súa actividade artística na década dos 70, cando xa traballaba como funcionaria do Ministerio de Agricultura. Nos seus inicios pinta ao óleo facendo pintura figurativa onde predomina a figura e a paisaxe. Con posterioridade, utiliza pintura acrílica e na actualidade usa ambas técnicas.

Paisaxismo, funcionalidade e costume son elementos que se funden nunha obra caracterizada por un impulso de poderes artísticos que dan a coñecer as excelencias dunha expresividade de gran autenticidade.

A exposición, a primeira individual coa que chega a Santiago de Compostela, está composta dunhas 25 a 30 obras que abarcan distintas épocas creativas da artista, aínda que relativamente recentes. O estilo da súa pintura é realista, pero con certo toque de impresionismo. En calquera caso, a artista prefire non delimitarse a ningún estilo concreto.

Ana Fariña Potel crea nesta interesante mostra obras en óleo sobre tea, utilizando tamén acrílico sobre tea, ambas técnicas que a artista considera que unha vez acabada a obra "pouco defire unha da outra en canto a textura", dependendo de como se usen os materiais.

A temática é bastante diferente ás reflectidas en mostras anteriores. Neste momento recrea paisaxes urbanas e rurais e algo de figura. Co título Uno de varios, Ana Fariña representa o seu sistema de traballo, que inconscientemente soe repetir sempre. "Realmente cando pinto non penso no que podo transmitir, pinto para min, pero sempre é unha satisfacción que lle guste aos demais".

A exposición que organiza a Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) estará aberta na sala de exposicións do Centro Empresarial do Tambre de Santiago de Compostela, en horario de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.30 horas. Se recomenda ás persoas interesadas en visitar a mostra reservar a súa hora de visita para respectar o cumprimento das medidas sanitarias.

Comentarios