O candidato á Alcaldía de Compromiso por Lalín (CxL), Rafael Cuiña, anunciou o luns que o lema da formación para a pre-campaña electoral das vindeiras municipais será: Cando hai Compromiso, hai alternativa!. O eslogan retoma a mensaxe que se lanzou durante os comicios do ano 2015. "Foi unha das frases que máis calou entre o electorado e que levou a Compromiso a acadar a Alcaldía de Lalín, demostrando ser a única opción real e efectiva de cambio tras máis de 30 anos de gobernos do Partido Popular", di Cuiña.
Para apuntalar esa idea, neste caso amplíase ese lema a Cando hai Compromiso, hai alternativa!, "o que deixa claro que o apoio a presencia da opción CxL é unha condición imprescindible e sine qua non para que se poida producir un relevo no Concello de Lalín". "Ningunha outra opción política garante esa posibilidade", apunta o candidato, "e non hai ningunha proposta, máis alá da de Compromiso, para facela efectiva".
Ao mesmo tempo, o eslogan incide no significado da palabra compromiso como "a obriga firme que contraemos coa xente, coas súas necesidades, coa solución aos seus problemas e co futuro do noso pobo, máis alá de posicionamentos grandilocuentes e personalistas". Un compromiso implica unha responsabilidade, e esa "é a que nós asumimos cara os electores e a sociedade lalinense", precisa Cuiña.
Así, "fronte aos que fan do seu programa un engano masivo aos votantes, nós imos traballar con dilixencia e xestionar os cartos públicos con rigor para sacar adiante propostas realistas e que farán que Lalín sexa unha referencia política no resto de Galicia". Polo tanto, sostén que é un lema en positivo, que serve para "reafirmar con humildade pero con firmeza a vontade de traballar a prol da xente dende unha perspectiva construtiva e sen exclusións".
"Hai alternativa!", indica Cuiña, "é un dos nosos máis claros sinais de identidade".