sábado. 28.03.2020 |
El tiempo
sábado. 28.03.2020
El tiempo

Cando a picaresca cruzou o Ulla

Xenerais da Estrada. PATRI FIGUEIRAS - Entroido Deza e Tabeirós
Xenerais da Estrada. PATRI FIGUEIRAS - Entroido Deza e Tabeirós
Os Xenerais de Deza e Tabeirós xa comezaron a despregar todo o seu arsenal para defender o seu territorio e xa teñen preparadas as súas arengas para sorprender ao público da contenda

No século XIX, os humildes campesiños que habitaban no val do Ulla defenderon heroicamente as súas terras da invasión napoleónica e combateron, con calquera cousa que tiñan a man, na revolución de 1846 e nas guerras carlistas. Anos despois, facendo gala da sagrada retranca galega, os concellos que rodean o río Ulla, isto é, Santiago de Compostela, Boqueixón, A Estrada, Silleda, Touro, Vedra e Vila de Cruces, deron vida a uns guerreiros que defenderían a capa e espada ata o día de hoxe as súas terras botando man, iso si, da picaresca: os Xenerais do Ulla.

Desta maneira, cada ano a vida e as desventuras dos veciños e veciñas da parroquia e, como non, do alcalde ou alcaldesa e de toda a Corporación, se cabe, é a temática que centra as arengas dos xenerais, que recorren o municipio botando os vivas aos veciños a cambio dunhas filloas, duns chourizos, dunha copa de viño ou mesmo de cartos para axudar á organización e á sufragar os gastos da extravagante vestimenta dos correos, xenerais e centinelas. Pois unha chaqueta dun xeneral ronda os seis mil euros. O momento álxido da celebración deste entroido tradicional é o Alto dos Xenerais, no que se enfrontan dous bandos que, malia a súa testarudez, de seguro acaban firmando a paz.

2020022016570019300

O Entroido da Ulla que chega ata os nosos días ten a súa orixe na metade do século XIX. Aínda que durante moitos anos do franquismo este entroido tradicional, declarado en setembro de 2013 de Interese Turístico de Galicia, deixou de celebrarse, o esforzo e a perseveranza das asociacións veciñais logrou que a día de hoxe, e durante case un mes, os Altos dos Xenerais sexan un ingrediente indiscutíbel do entroido dos concellos do Ulla. E ten miras de continuar, pois tanto A Estrada como Silleda e Vila de Cruces apostan por inculcar esta tradición aos máis novos e desde hai uns catro anos os minixenerais xa forman parte das filas do exército.

Entroido Deza e Tabeirós. PATRI FIGUEIRASPOR CONCELLOS. Os Xenerais do Ulla das comarcas de Deza e Tabeirós xa comezaron a semana pasada a despregar o seu arsenal. Así, a parroquia de Lamela celebrou o seu Alto, organizado pola Asociación de Xenerais de Lamela, o sábado. E o próximo 22 de febreiro será a quenda de Bandeira a partir das 16.00 horas. Este ano a Asociación de Amigos da Empanada tomou o timón deste entroido tradicional por mor a que esmorecese. O exército estará formado por catro xenerais, un correo e un centinela, que estarán acompañados de seis minixenerais. As arengas son "secreto de sumario", dixo a presidenta do colectivo, Teresa Fernández.

Na estrada son varias as parroquias que cada ano se animan a organizar o seu particular desfile dos xenerais. Así, o domingo 23 Santa Cristina de Vea celebrará os Encontros dos Xenerais, ás 19.30 horas no campo da festa; e o martes 25 estes mesmos guerreiros baixarán á Estrada, onde despregarán o seu arsenal na Praza da Feira. O sábado 29 será o quenda de Arnois, que celebrará os Encontros a partir das 19.00 horas no campo da festa, e o 1 de marzo será o entroido tradicional na parroquia de Santeles, ás 19.00.

Rubén Figueiras, un dos xa tradicionais xenerais que este ano dará o Alto en Arnois, explica que entre todas as parroquias colaboran para organizar estes entroidos tradicionais para que os veciños e veciñas da Estrada poidan seguir rindo a esgalla coas desventuras do da casa do lado, de "como un veciño lle colleu algo ao outro ou de este que se casou con aquel", sinala. ¿E os nenos? Eles tamén teñen as súas particulares arengas que teñen que ver co seu día a día no colexio.

Mais, ¿que deparará o futuro este ano ao exército de Arnois? Poida que se queiran independizar da Estrada? Quizais o famoso Satisfyer xa teña a súa arenga na capital de Tabeirós-Terra de Montes. En Arnois combaterán doce xenerais e correos, de entre eles dúas mulleres, e oito minixenerais, que levarán a tres nenas.

OS MOUROS. Malia nomearse da mesma forma, o Entroido tradicional dos Xenerais do Ulla ten as súas peculiaridades dependendo do concello. Así, subindo cara o nacemento do río, no municipio de Vila de Cruces, aparecen outros personaxes que, se cadra, teñen máis protagonismo que os mesmos xenerais. Trátase dos mouros, que recorren a parroquia en burro, acompañando, iso si, aos xenerais; un escribano cunha capa negra e un frade. E mesmo un que fai do alcalde.

Son tres os colectivos que organizan estes encontros en Vila de Cruces. A primeira é a Asociación Cultural Vellos dos Cornos, de Merza, que xa celebrou o seu atranque dos xenerais a semana pasada. O segundo encontro será o próximo domingo en Piloño, arredor das 16.30 horas, organizado pola Asociación Cultural Cornamentas. E por último será en Salgueiros, o domingo 1 de marzo, un Alto que se celebrará a partir das 16.30 horas e que estará organizado pola Asociación de Veciños de Salgueiros.

Cando a picaresca cruzou o Ulla
Comentarios