Cando a retranca aflorou en Silleda

Os veciños e veciñas do barrio das Baratas comezaron a colgar pancartas das ventás con frases cheas de enxeño, unha iniciativa que Lucía Ares Fondevila, a promotora, espera que se expanda por toda a vila para provocar sorrisos

Unha das iniciativas. CEDIDA - copia

Baixo o lema ‘Con retranca e humor levarémolo mellor’ a artesá silledense Lucía Ares Fondevila e a súa irmá decidiron poñer en marcha unha iniciativa no municipio trasdezano que viste as ventás das vivendas con pancartas con frases cheas de enxeño.

‘O mellor está por vir’, ‘Aí ven o maio de frores cuberto, verémolo pronto e estaremos abertos’, ‘Arderás nunha queimada ata que de ti non quede nada’ ou ‘Na terra de Rosalía loitaremos ata o último día’ son algunhas das frases que fan aflorar un sorriso en todo aquel que se asoma pola fiestra.

A iniciativa naceu no barrio das Baratas de Silleda e xa se está a estender por distintas zonas do municipio. Lucía conta que “neste barrio xa levamos moitos anos de activismo cultural e agora ocorréusenos esta idea”, coa intención de que “a xente se anime, porque hai que intentar levar a vida con humor”.

Así, un grupo de amigos puxéronse mans á obra e con sabanas vellas e pinturas e rotuladores fixeron auténticas obras de arte. “Os galegos se algo temos é retranca e humor”, sinala Lucía, polo que non dubidaron en botar man desa fórmula para pintar de esperanza o barrio.

Esta actividade serviría tamén para buscar un momento de colaboración entre todos os membros da familia

Pero a cousa non quedou aí, xa que esta silledense colgou nunha páxina veciñal de Facebook a súa idea e a da súa irmá e comezou a ter unha gran repercusión. A xente empezou a darlle a ‘gústame’ e a compartir a publicación.

“Ogallá a cousa non se quede aí e que a xente se anime a participar”, apunta, xa que “se todo o mundo se animase a colgar a pancarta imaxínate que bonito sería”, engade.

“MENSAXE AO MUNDO”. Con esta iniciativa “mandamos unha mensaxe ao mundo”, conta Lucía, que entre risas explica que “en algo temos que enredar todo este tempo que imos estar encerrados”, polo que “se son cousas en positivo pois moito mellor”.

Esta actividade serviría tamén para buscar un momento de colaboración entre todos os membros da familia e, como non, como unha actividade lúdica para os máis pequenos e pequenas da casa, explica.

“Trátase de buscar un movemento solidario entre todos”, conclúe.

Comentarios