Os cantos dos Dezas de Moneixas

A agrupación de Lalín retoma a organización dos Cantos de Taberna, que encherán os bares da capital dezana de música, cultura e tradición durante os venres de outubro e cons que se pretende dinamizar a actividade da vila e divulgar o seu traballo
Foto de grupo dos Dezas de Moneixas. DP
photo_camera Foto de grupo dos Dezas de Moneixas. DP

Percorrer os bares da vila divulgando a tradición e cultura galegas, o traballo das agrupacións de música tradicionais e dinamizar a hostalería e o pobo nun momento de parón tras o verán e as estas das Dores. Con esta filosofía regresan, despois de dous anos, os Cantos de Taberna a Lalín da man dun dos grupos con máis historia da vila: os Dezas de Moneixas.

"Queremos divertirnos, tomar unhas copas e sentarnos todos xuntos", explica Horacio Taboada, membro do colectivo da parroquia lalinense de Moneixas, que apunta que o obxectivo primordial é "divulgar o noso traballo" e de todas as agrupacións participantes, que son a totalidade que están en activo na actualidade na capital dezana.

Antes da pandemia do coronavirus, os Cantos de Taberna adoitaban facerse durante o Mes do Cocido. Pero nesta ocasión, "como vimos que o mes de outubro é máis parado para o tema da hostelería, e dos mesmos grupos, que temos menos saídas, decidimos celebralo neste mes", conta Horacio.

Desta maneira, os bares de Lalín recibirán durante os venres do mes de outubro aos dez participantes desta nova edición dos Cantos de Taberna (os días 7, 14, 21 e 28 do vindeiro mes), un evento de divulgación da tradición e cultura dezana que conta co respaldo e colaboración do Concello de Lalín.

O día 7 comezarán os cantos na avenida Luis González Taboada coa as actuacións de A Brincadeira de Carbia e os Gaiteiros Os Xuncos. O 14, a Praza da Marina e as rúas B e C reunirán a Os Trasnos de Doade, Repenicando e A Carballeira de Cercio. O último venres do mes, o día 28, será a quenda de Ailola, os Dezas de Moneixas e Carballo de Manteiga, que actuarán na rúa Principal e na dos Viños. O horario dos Cantos de Taberna será de 21.00 a 23.00 horas, salvo o último día, que comezará media hora antes, xa que ao rematar está prevista unha cea de confraternización de todas as agrupacións lalinenses participantes.

HISTORIA DO COLECTIVO. Arredor do ano 1920 o cura párroco da parroquia lalinense de Moneixas, Andrés Cajide, xuntou a varios mozos e mozas da parroquia para inicialos na música, tanto a tocar distintos instrumentos como a cantar.

Este primeiro Dezas de Moneixas estaba composto polos gaiteiros Xosé Benito, Darío e Amancio González; Celso González tocaba a caixa, e Manoliño e Luis Portas o bombo. Laureano, Isaura e María González acompañaban aos gaiteiros cantando e bailando. Tratábase dunha agrupación de música tradicional, nun primeiro momento, moi familiar.

Durante a República os Dezas de Moneixas xa tiñan un recoñecido prestixio en toda Galicia, que percorrían facendo actuacións en distintos lugares.

Coa morte dalgúns dos seus integrantes, a agrupación folclórica chegou a desaparecer e rexurdir en varias ocasións, ata a recuperación da súa música e historia por parte dos Dezas de Moneixas da actualidade, do que forman parte unhas 34 persoas e que conta cunha escola para continuar formando a futuros Dezas que continúen coa tradición da parroquia. "Nós o que queremos é seguir coa tradición que hai en Moneixas cos Dezas, sobre todo divulgando o temario que eles tiñan", apunta Horacio Taboada, que engade que "tamén intentamos facer cousas novas ademais de seguir a tradición".

Comentarios