A Capela de San Adrao podería contar con tres fases construtivas diferentes

O Concello de Lalín vén de rematar a escavación da construción, máis complexa do agardado
Capela de San Adrao. DP
photo_camera Capela de San Adrao. DP

O Concello de Lalín vén de rematar a intervención arqueolóxica na coñecida como Capela de San Adrao, situada no monte do Carrio, dentro dos terreos da Comunidade de Montes (CCMM) de Bermés e outros lugares.

A campaña de escavación arqueolóxica foi promovida polo Goberno municipal, con cargo á subvención para rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural da Deputación de Pontevedra, e vén a continuar unha primeira escavación financiada pola CCMM de Bermés.

O obxectivo principal dos traballos executados neste ano era a descuberta da planta completa da construción, de xeito que quedase visible na súa totalidade, axudando non só á mellor comprensión do xacemento, senón tamén á creación dun recurso patrimonial nun entorno que xa de por si conta cun rico patrimonio histórico e cultural.

Polo que se sabía froito da primeira campaña, a capela correspondíase cunha construción da baixa Idade Media, ou principios da Idade Moderna (séculos XV e XVI), e estaba formada por unha pequena edificación de planta rectangular, con orientación leste-oeste, que contaba cunha porta lateral na súa parte S e un enlousado interior de grandes laxes de granito.

Segundo avanzaron os traballos veuse que a capela de San Adrao agochaba unha complexidade moito maior da agardada, e segundo o equipo que realizou os traballos, podería contar con ata tres fases ou momentos construtivos diferentes.

Así, tras a presente campaña semella que a orixe da construción que se observa agora foi un recinto moito máis pequeno, que logo se foi ampliando e modificando en momentos sucesivos, polo menos en tres ocasións. Estas remodelacións e cambios estruturais poden verse en lugares como o enlousado interior que conta con tres niveis diferentes de laxes de granito superpostas.

Os cambios afectaron moito ós muros, sobre todo nos laterais oeste e norte, e tamén á que tería que ser a porta principal, que non foi localizada porque seguramente foi selada nunha última fase.

Semella tamén que a construción podería ter maior entidade da agardada, xa que hai varias estruturas (muros) que saen cara ao exterior da escavación, o que significaría que hai estruturas que aínda están por escavar, facendo un conxunto máis grande e complexo do esperado inicialmente.

Ademais desta sorpresa, entre os achados destacan dúas moedas, que cando sexan sometidas aos traballos de restauración poderían axudar coas datacións, e unha peza cerámica que apareceu fragmentada pero que conserva gran parte dos fragmentos, e que puido ser reconstruída en gran parte.

Como punto final desta campaña, o vindeiro domingo día 26 realizarase unha visita guiada ao lugar, a cargo do equipo de Árbore Arqueoloxía, que foron os encargados de realizar a escavación, e que responderán ás preguntas dos visitantes e interesados. O punto de reunión é o campo da festa de Bermés, ás 11.30.

Comentarios