Carmela Silva, sobre o sector gandeiro: "Haberá grandes noticias"

A presidenta da Deputación anunciou que seguirá apostando por modernizar a Finca de Mouriscade e que se reunirá cos produtores
Carmela Silva ofreceu un almorzo informativo en Silleda. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Carmela Silva ofreceu un almorzo informativo en Silleda. PATRI FIGUEIRAS

"Haberá grandes noticias" en relación á Finca de Mouriscade e o sector gandeiro. "Serán novidades que permitirán que avancemos en ser unha referencia en todo o que ten que ver cos traballos que alí se desenvolven, coa investigación e coa análise". Así o anunciou este martes a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante un almorzo informativo no que fixo balance da inversión do Goberno provincial nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes durante os últimos seis anos, unha cifra que ascende aos 80.674.620 euros nos oito concellos deste territorio.

Así, segundo explicou a socialista, trátase dun "esforzo como nunca se fixo" e que supón "o maior investimento nestas comarcas e en cada un dos seus concellos na historia da Deputación". "Hai que subir a un coche e contar cantos valados de obras poñen Deputación e cantos Xunta; non hai cor, a comparativa é moi fácil, porque é a Deputación a que está a transformar este territorio", dixo. Así, detallou que A Estrada recibiu 15,1 millóns de euros; Lalín, 14,7 millóns; Silleda, 11,3; Vila de Cruces, 6,2; Agolada, 5,5; Rodeiro, 5,6; Dozón, 3,8 e Forcarei, 5,9 millóns de euros.

O Plan Concellos centrou boa parte da intervención de Carmela Silva, quen significou que dos case 81 millóns de euros investidos, máis de 39 millóns chegaron a través do Plan Concellos, financiando 287 obras, 157 actividades socioculturais e a creación de 790 empregos temporais para "manter a flote" servizos municipais. Pola súa banda, o investimento provincial no último sexenio na rede de estradas de Deza e Tabeirós aproxímase aos 13 millóns de euros nun total de 35 proxectos.

Carmela Silva puxo tamén o acento no apoio ao sector primario, a través dos convenios asinados con 48 cooperativas agrogandeiras

Así mesmo, as achegas dos diferentes servizos provinciais totalizan 10,5 millóns de euros, entre os que Carmela Silva destacou os 435.000 euros en subvencións achegados nas 414 axudas xestionadas por Igualdade.

Carmela Silva puxo tamén o acento no apoio ao sector primario, a través dos convenios asinados con 48 cooperativas agrogandeiras para repartir 663.000 euros, así como o financiamento á Semana Verde (un total de 1.050.000 euros nestes 6 anos) e as fundacións Campo Galego, Vento Noso, Odega e ADF para a eficiencia enerxética das explotacións ou a produción de variedades ecolóxicas e autóctonas de castañas e mazá.

Neste capítulo referenciou tamén os 9,5 millóns de euros que foron a parar á finca de Mouriscade para levar a cabo "un radical e trascendental cambio na xestión, reforzando a investigación e os servizos de analítica que se prestan".

O apoio ao tecido empresarial incluíu os 582.089 euros investidos no Viveiro de Empresas de Lalín, "que cando chegamos estaba parado e sen capacidade" e no programa SmartPeme, "toda unha referencia que converteu á Deputación na única de toda España que promove o avance tecnolóxico e dixital das pemes", indicou.

Silva adiantou que o Goberno provincial se envorcará o vindeiro ano coa recuperación "e con políticas keynesianas"

Pero tamén os concellos, explicou a presidenta, beneficiáronse do avance tecnolóxico, pois os nove municipios da comarca contan hoxe con administración electrónica "e cando chegamos xa había unha lei que obrigaba a funcionar con ela, pero non había nin recursos económicos, técnicos nin humanos para cumprila". Despois de formar a 517 traballadorese cargos públicos municipais, hoxe é unha realidade. Así como o padrón electrónico do que xa dispoñen Agolada, Forcarei, Lalín e Silleda, que son os concellos que aproveitaron a oportunidade brindada pola Deputación.

Silva adiantou que o Goberno provincial se envorcará o vindeiro ano coa recuperación "e con políticas keynesianas" para inxectar liquidez nos municipios. De feito, o Plan Concellos do vindeiro ano suporá 11,2 millóns de euros para este territorio (suma achegas de 2022 e a Liña 1 de 2023), equivalentes a un incremento do 71%, ademais do Plan ReacPon ao que tódolos concellos das comarcas teñen concorrido para ter financiación de grandes obras de transformación de espazo público e dotacións ao longo de 2022.

Comentarios