"Case sería un delito que non fose zoqueira"

Elena Ferro, herdeira destacada dunha estirpe de zoqueiros, foi quen de levar a un novo nivel un calzado condenado a desaparecer. En 2019 recibiu o Premio Nacional de Artesanía 
Elena Ferro (Merza, Vila de Cruces, 1975). EFERRO
photo_camera Elena Ferro (Merza, Vila de Cruces, 1975). EFERRO

A vostede tampouco lle quedaba outra que ser zoqueira.

Case sería un delito que non o fose.

Fórono o seu avó, o seu pai, a súa tía...

O meu avó Perfecto, o meu pai, Alfonso, e a miña tía Agripina, que era a irmá maior de meu pai. Sempre xuntos. E eu, dende pequeniña, xa estiven no taller. Crieime entre eles, os zocos e as feiras.

Herdou ese xeito.

O método de venda era traballar no taller e despois ir ás feiras. Meu avó ía só ás da Bandeira e de Vila de Cruces, porque non tiña coche e aproveitaba o de liña. Despois meu pai mercou xa unha furgoneta e comezou a saír a máis sitios coa miña tía: a Lalín, a Agolada... Pola comarca. O máis lonxe que ían era a Monterroso, onde se fai unha feira moi grande. Aínda seguimos indo.

Hoxe chegan moito máis lonxe a través de internet.

A través da venda on-line da páxina web, pero o noso forte segue estando aquí. O que pasa é que hoxe a través das redes sociais chegas a todas partes. Con todo, non deixa de ser unha sorpresa cando te contacta alguén de lonxe. Xa digo que é unha porcentaxe baixa das nosas vendas, pero moi agradecida.

O que fixo vostede foi coller un calzado humilde galego e lanzalo ao mundo elevado a outro nivel.

Agora pódese usar en calquera escena. O que lle estaba pasando aos zocos é que estaban a piques de desaparecer. A finais dos anos 70 empezou a súa decadencia e en moi pouco tempo, en menos de dez anos, case todos os zoqueiros que había foron cambiando de traballo. O que fixemos na miña familia foi intentar irnos adaptando facendo tamén marroquinaría, que foi o que nos salvou nos anos máis difíciles. Grazas aos artigos de coiro puidemos ter sempre o taller aberto. En realidade, foi así ata 2010, cando, despois de moito insistir e moitos cambios, empezou a encaixar todo o que faciamos sobre o zoco tradicional. Foron moitos anos de pelexa. Eu comecei a traballar no zoco no ano 1995. Nunca deixamos de facelos e de vendelos, pero tardou en callar todo. O meu labor foi ese: non deixar que morrera o oficio. E tamén conseguir que se respectara o zoco, que era un calzado que estaba moi deostado, que era moi odiado, porque se asociaba directamente á pobreza. Exactamente igual que o pan de millo. A xente quedou moi farta de usar zocos e de comer pan de millo. Era o que máis escoitaba polas feiras. E enténdoo. Porque remiten a anos moi difíciles nos que se pasou moi mal. Eu intentei darlle a volta, que ver zocos nos sacase un sorriso, cambiar os recordos agrios por algo de alegría.

Calquera persoa maior que usara zocos queda moi sorprendida ao ver os seus.

Esa é a maior satisfacción que eu teño. É o máis bonito. Moitas veces pregúntanme: quen che gustaría que levase zocos? Eu nunca traballei para iso. Só me gustaba pensar que un calzado cun estigma tan marcado podía ser visto doutra maneira, porque foi tamén un calzado que protexeu a moita xente do frío e da humidade. Que si, que se usaba porque non había outra cousa, pero grazas por haber zocos, que moita xente, por desgraza, tiña que ir descalza. Conseguir que esas persoas maiores que os usaron por obriga os vexan agora e sorrían faime moi feliz.

Que dixeron na casa cando souberon que a Real Academia Galega a convidaba, o ano pasado, a falar da súa marca nunhas xornadas?

Para eles foi un orgullo. Como todo o demais: que o taller siga funcionando, que me conviden a tantos actos... Era algo impensable. Sempre pensaron que cando se xubilaran, o taller, que era a súa vida, pecharía. Hoxe, meu pai, que ten 85 anos e case non ve, pasa as tardes no taller porque alí está moi a gusto. Para eles foi unha felicidade. Como que me deran hai dous anos o Premio Nacional de Artesanía.

O máximo galardón que existe en España para alguén que traballe neste ámbito.

Todas son sorpresas moi agradables. Pero tamén hai que lembrar sempre que detrás hai moito esforzo e traballo. Porque ás veces pódese pensar que un día nos erguemos pola mañá, comezamos a facer zocos de cores e á xente lle gustaron. Non é así para nada.

Como di, hai moita pelexa detrás.

E seguimos. Porque tampouco podes quedar parada. A miña función segue sendo investigar cousas novas e tratar de mellorar. E adaptarse un pouco ao momento. Agora, con isto da pandemia tamén hai que loitar.

Antes ían ás feiras da comarca, hoxe van ao Culturgal. Que opinión lle merece esa Feira das Industrias Culturais Galega?

Pois paréceme unha feira moi importante a todos os niveis. Que a xente poida ir a un sitio a ver de todo, tanto novidades editoriais como musicais como o que nós facemos, é unha marabilla.

Precisamente, Eferro vénse implicando no apoio á cultura, por exemplo, colaborando nos proxectos audiovisuais de Rubén Riós. O último, Arrieiros somos.

Colaboramos con el dende hai tempo porque está sacando adiante uns proxectos que nos parecen estupendos. Fala con xente maior, que moitas veces é invisible, cando a nosa riqueza está aí, na súa experiencia e na súa sabedoría. Pero moitas veces, no medio deste estrés no que vivimos, non lle prestamos moita atención.

Unha das últimas cousas que compartiu nas redes é o Modelo Vigo, un zoco que se ilumina. Seguro que lle encanta a Abel Caballero.

É que, claro, nestes días Vigo está en boca de todos. Había que facerlle un zoco!

Comentarios