Catoira aprobará a "prohibición absoluta" da actividade na pirotecnia de Coaxe

Un informe xurídico-técnico da interventora-secretaria e do arquitecto municipal rexeita as alegacións de Pirogal
Protesta contra la pirotecnia Coaxe frente al Concello de Catoira. J.L. OUBIÑA (ADP)
photo_camera Protesta contra la pirotecnia de Coaxe frente al Concello de Catoira. J.L. OUBIÑA (ADP)

O Concello de Catoira vai aprobar o vindeiro luns día 15 en Xunta de Goberno a "prohibición absoluta" da actividade na pirotecnia de Coaxe. O goberno local así o ratificará logo do último e contundente informe xurídico-técnico da interventora-secretaria e do arquitecto municipal que propón rexeitar todas as alegacións presentadas por Pirogal e declarar, de maneira definitiva e firme, a ineficacia da comunicación previa pola que construíu o galpón.

Os seguintes pasos serán impoñer medidas cautelares para que a construción non sexa utilizada, chegando ao precinto de ser necesario, e iniciar un expediente de reposición da legalidade urbanística para a súa demolición, ademais de estudar posibles responsabilidades da firma pirotécnica polas irregularidades detectadas.

O informe xurídico que dá pé á actuación do goberno dirixido por Xoán Castaño é demoledor. Establece que ao solicitar autorización previa para o galpón con uso agrícola, Pirogal presentou unha comunicación "irreal, fraudulenta, artificiosa ou arteira" na que se aprecian "falsidades e omisións de carácter esencial", motivo polo que foi necesario abrir un procedemento de declaración de ineficacia desa comunicación.

De feito, sublíñase dende o Concello, "hai evidencias de que toda a actuación da empresa estivo orientada a destinar a construción a almacén de produtos pirotécnicos desde un inicio, presentando unha comunicación de obra para galpón agrícola para non ter que esperar a obtención das autorizacións sectoriais e iniciar a súa construción".

O informe desmonta totalmente o argumentario da pirotecnia e insiste en que o seu galpón non cumpre as condicións para unha edificación en solo rústico, como ter acceso rodado de uso público; abastecemento de auga; evacuación e tratamento de augas residuais; subministro de enerxía eléctrica; recollida, tratamento e depuración de residuos e, no seu caso, previsión de aparcamentos, así como corrixir as repercusión que a súa construción supoña na funcionalidade das redes de servizos e infraestruturas existentes, entre outras cuestións que, segundo os técnicos "non se xustifican porque non se poden garantir".

Tras a aprobación en Xunta de Goberno da proposta de ineficacia definitiva, o goberno local de Catoira vai dar traslado á Subdelegación de Goberno e á empresa que o expediente está pechado en firme e que Pirogal carece de título habilitante para iniciar e manter a súa actividade en Coaxe. Dado que o galpón está finalizado, o Concello vixiará que non ten actividade.

Comentarios