Catoira celebra o Día do Libro con música, obradoiros e contos

O Concello deseñou un programa que ofrecerá actividades na Biblioteca Municipal durante todo abril
A biblioteca de Catoira. DP
photo_camera A biblioteca de Catoira. DP

O municipio de Catoira encherase de actividades durante todo o mes de abril para conmemorar o Día do Libro, que se celebrará o próximo día 23. Baixo o lema Catoira é libre, Catoira é libro, o Concello organizará coloquios, citas musicais, obradoiros e contacontos para todos os públicos.

O obxectivo, explicou o concelleiro de Cultura, Raúl Gómez, foi non acotar a programación no Día do Libro e estendela durante todo o mes. O edil fai un chamamento "a participar e gozar da cultura galega de maneira interxeneracional".

Os actos, con base central na Biblioteca Municipal, comezarán o sábado ás 20.00 horas. Celebrarase a presentación e un coloquio posterior en torno á obra de teatro Iribarne. A charla contará coa participación da súa autora, Esther Carrodeguas; o director da representación, Xavier Castiñeira, e o editor de Edicións Positivas, Paco Macías.

O domingo ás 18.00 horas realizarase un obradoiro de ilustración para nenos e nenas de a partir de 7 anos e a presentación do libro Eduardo Blanco Amor.

A seguinte actividade será a presentación do último libro de Xurxo Souto Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta o día 19, seguido da presentación do novo disco de Paco Nogueiras o domingo 21. O programa rematará o día 28 coa presentación de Ícaras, do autor Carlos Braña.

Comentarios