Catorce concellos da provincia foron distinguidos coas Flores de Honra

Tomiño acada o máximo galardón do certame "Vilas en Flor", mentras os municipios de Caldas de Reis, Lalín, Cambados, Cuntis, Vilagarcía e A Estrada tamén formaron parte dos premiados
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, presidiu un acto que foi seguido por numeroso público no Auditorio de Caldas. GONZALO GARCÍA
photo_camera A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, presidiu un acto que foi seguido por numeroso público no Auditorio de Caldas. GONZALO GARCÍA

O certame Vilas en Flor entregou as súas distincións nunha gala celebrada no Auditorio Municipal de Caldas de Reis. Este ano participaron 39 concellos de toda Galicia aos que se espera que se unan moitos máis no 2023, como salientou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto, que presidiu este acto ao que asistiron representantes de todos os municipios participantes.

Estiveron presentes tamén o primeiro tenente de alcalde de Caldas, Manuel González Martínez; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; o presidente da Asociación Galega de Empresas de Xardinería, AGAEXAR, Víctor Pérez Vilar, e o presidente da Asociación de Viveristas do Noroeste, ASVINOR, Ignacio Etxebarria. Antes da entrega dos galardóns pronunciou unha conferencia o biólogo Francisco Rodríguez Trinidad, sobre a mala praxe na xestión do arborado urbano en pobos e vilas de Galicia.

Tras a ponencia deu comezo a entrega das distincións coa intervención do director do movemento Vilas en Flor e director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza, que agradeceu o apoio de ASVINOR e AGAEXAR como entidades organizadoras xunto coa impulsora da iniciativa, a Fundación Juana de Vega. Tamén destacou a implicación da Consellería de Medio Ambiente.

A continuación explicou as claves dunha iniciativa que iniciou a súa andadura en Galicia no ano 2018 co obxectivo de apoiar as boas prácticas no eido ambiental dos municipios galegos de menos de 40.000 habitantes. Pedro Calaza aclarou que Vilas en Flor non é un concurso sobre estética, senón que busca o recoñecemento ao labor que desenvolven os concellos para poñer en valor o medio ambiente, protexer e mellorar espazos verdes urbanos e rurais e contribuír á mellora da calidade de vida dos residentes, así como promover os atractivos turísticos vinculados ao paisaxismo.

O xurado concedeu catro Flores de Honra a Tomiño, Chantada e Allariz. Tres Flores de Honra a A Guarda, Caldas de Reis, Cambados, Baiona, Gondomar, Carballo, Lalín, Mondoñedo, Narón, Ponteceso, San Sadurniño, Salceda De Caselas e Salvaterra De Miño. Dúas Flores de Honra a A Laracha, Fene, Tui, Oza-Cesuras, O Carballiño, Culleredo, Cuntis, Arteixo, Abegondo, As Somozas, Pontedeume, Sada, Sarria e Vilagarcía. Unha Flor de Honra a Miño, Mondariz, San Xoan de Río, A Pobra de Trives, Curtis, Ortigueira, A Estrada, Leiro e Coristanco.

Comentarios