As chamas calcinan o interior dun merendeiro da parroquia de Goiás

As primeiras hipóteses apuntan a que puido crearse por un curtocircuíto
Pablo Areán comproba o estado no que quedou o merendeiro. DP
photo_camera Pablo Areán comproba o estado no que quedou o merendeiro. DP

Na pasada madrugada un merendeiro situado entre dúas casas na parroquia de Goiás, no lugar de Pareizo, sufriu un incendio que carbonizou todo o interior do mesmo. As primeiras hipóteses apuntan a que puido crearse por un curtocircuíto. O concelleiro responsable de Protección Civil, Pablo Areán, acercouse ata o lugar a visualizar os danos e ofrecerlles aos afectados a axuda que necesitasen por parte do Concello, e estes declararon que comezarán os trámites co seu seguro. O propio edil destacou que "os servizos de emerxencia de Lalín recibiron a chamada sobre as 5:45 da madrugada e actuaron de inmediato para apagar o lume".

Areán indicou que "pola información que nos trasladan os propietarios foi un veciño leiteiro, que comezando a súa xornada, decatouse do lume. Este deu aviso ao pedáneo da zona, que é familia dos veciños afectados, e cos que contactou instantaneamente".

Os propietarios do merendeiro, que está situado a uns metros a carón da súa vivenda, comezaron as labores de extinción, e Pablo Areán tamén resalta que "os servizos de emerxencia desplázaronse de xeito moi rápido ao lugar, e continuaron coa tarefa, conseguindo extinguir o lume". O concelleiro explica que "o merendoiro era unha sólida construción, duns 100 metros cadrados, completamente equipado con mobiliario, e é impactante ver o estado no que quedou reducido á cinzas e cos elementos de pedra, como un mesado de 7 metros, completamente fragmentados".

Comentarios