O CIM de Lalín atendeu máis de 300 consultas durante este ano

Este servizo municipal cumpre dúas décadas e tamén presta atención desde 2014 aos concellos de Agolada e Rodeiro
A concelleira de Igualdade, Begoña Blanco, e a directora do CIM, Teresa Rocha. DP
photo_camera A concelleira de Igualdade, Begoña Blanco, e a directora do CIM, Teresa Rocha. DP

O Centro de Información á Muller (CIM) de Lalín atendeu máis de 300 consultas no que vai do ano 2022. Deste conxunto, diferéncianse as relacionadas co asesoramento xurídico, de atención psicolóxica, ou a atención á vítimas de violencia de xénero. Ademais aténdense solicitudes de información e outro tipo de consultas.

A Concelleira de Igualdade, Begoña Blanco resalta "a importante labor que realiza este servizo, que está dispoñible para tódalas mulleres que así o precisen, e que traballa de xeito coordinado coa Policía Local e a Garda Civil".

O CIM é un servizo municipal que cumpre 20 anos. Ademais existe un convenio para a prestación de servizos aos concellos de Agolada e Rodeiro desde 2014. Entre as súas principais funcións está ofrecer de xeito permanente medios para a asistencia global ás mulleres, proporcionando asesoramento xurídico, atención psicolóxica ou información sobre os recursos dispoñibles no ámbito da Comunidade Autónoma. Tamén priorízase a intervención e a atención ás mulleres vítimas da violencia de xénero.

Este ano fíxose un curso en xaneiro de autodefensa persoal, no que participaron unha vintena de mulleres

Begoña Blanco explica que "a maiores, este departamento xestiona diferentes proxectos. Convocou a Mesa Local de Coordinación fronte a violencia de xénero do pasado 30 de xuño, na que participaron diferentes profesionais implicados na atención a vítimas, dos distintos departamentos como Policía local, Xulgado, Garda Civil e a Subdelegación do Goberno. Outra acción que desenvolve está relacionada coa colaboración que presta ás asociacións de mulleres da vila, asistíndoas na tramitación de documentación".

A edil menciona que "o CIM leva a cabo eventos conmemorativos relacionados co 8 de marzo (Día da Muller) e o 25 de novembro (Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller), en colaboración co departamento de Igualdade do Concello de Lalín. E ademais este ano fíxose un curso en xaneiro de autodefensa persoal, no que participaron unha vintena de mulleres".

Comentarios