Javier García: "A clave do éxito é a humildade, a formación e a constancia"

Traballa en La Robleda, en Lalín, e recentemente acaba de proclamarse o campión de España de Coctelería co seu preparado Pequeña gran revolución, en honra a unha canción de Izal. Este ano presentarase cunha proposta similar ao campionato mundial, que terá lugar en Roma
García no campionato de España. DP
photo_camera García no campionato de España. DP

Recentemente acaba de proclamarse campión de España de Coctelería. Que significa para vostede este logro?
É un recoñecemento a todo o que levo feito, a anos de probas e intentar facer cousas, e é unha satisfacción persoal. Que unha persoa que se dedique a un sector, que poida gañar algo aí, é porque realmente ou es bo ou algo fixeches ben.

Con que cóctel se presentou?
Cada ano cambian a modalidade. Esta vez era un aperitivo, un cóctel para antes de comer. E a proposta que levei estaba elaborada con whisky, vermú, e tamén un amargo, un bitter, e ía aromatizado con lima. Isto foi o que decidín levar para este campionato. O whisky porque o máis normal entre comillas non é utilizar whisky neste tipo de cócteles, pero a verdade é que se adaptou ben e gustou, e tamén quería dar a sorpresa nese aspecto. Despois, outra novidade que había é que podías utilizar un ingrediente caseiro, e aí levei unha infusión cítrica para darlle un pouco de frescor ao cóctel, xa que adoitan ser cócteles duros, difíciles de tomar, máis amargos, e para suavizalo un pouquiño. Chameino Pequeña gran revolución. É unha canción de Izal. Todos os cócteles que fago son con nomes de cancións, desde o primeiro campionato que fun e que tiven a sorte de gañalo, e ía cun cóctel dunha canción, dixen: isto ten que ser un sinal ou algo, e non fun a ningún concurso con un cóctel que non fora nome de canción.

E agora xa será o cóctel máis demandado en Lalín…
Si, pois a verdade é que mo adoitan pedir bastante, sobre todo para probar, aínda que adoitan ser cócteles difíciles de tomar porque non é o mítico doce ao que estamos acostumados.

Que foi para vostede o máis difícil da competición?
Pois este ano a verdade é que cambiaron bastantes cousas. Eu tiven a sorte de ir no 2017 a outro nacional noutra categoría, como xoven barman, este xa ía na absoluta, por así dicilo, e daquela era máis fácil, entre comillas, porque a valoración era só do cóctel. Este ano había un exame teórico, unha cata a cegas de destilados, unha proba dun minuto en inglés sobre o teu cóctel e había unha final. Clasificabamonos os cinco primeiros de cada categoría, e logo había unha final que era facer cinco cócteles distintos en sete minutos. E sumaban todas as puntuacións. Polo que tiñas que prepararte, pero non para só unha cousa, senón cinco cousas máis. Cando nolo propuxeron era un pouco caótico, porque está moi ben ir ao campionato pero tes que facer máis cousas (ri).

Por si fose pouco, conseguiu tamén facerse co primeiro premio en Tiraxe de Cervexa. Como se tira ben una cervexa?
É máis fácil do que o queren facer moitos. Hai que enfriar ben o vaso, inclinar a 45 grados, abrir a caña e deixar que a cervexa faga o resto. Cortas cando che quedan dous dedos e sacas crema e acábala. Moitas veces vemos, incluso no propio campionato, a algún complicándose, e é moito máis sinxelo. Era a cousa máis sinxela do mundo e algún complicouna a lo bestia. Levo doce anos dedicándome a isto e nese tempo algunha caña tirei, e sempre intento perfeccionar o que fago. Desa maneira pasan cousas boas coma esta.

Este ano participará no campionato mundial, que se celebrará en Roma. Xa ten o cóctel pensado co que se presentará?
Non o teño moi mirado. Sei que vai ser un aperitivo, entón imaxínome que traballarei sobre o que teño, un pouco máis se cabe, pois se gustou aquí sería por algo, polo que tampouco me quero complicar a cabeza para facer algo novo que ao mellor vai gustar menos ca este. Dependerá tamén dos patrocinadores. A bebida que levei son patrocinadores potentes e imaxínome que estarán alá.

Como foron os seus inicios neste mundo?
Sinceramente non me quería meter neste mundo. A min gustábame a cociña, e cando quixen estudar non me chegaba a nota que tiña e empecei por facer o de camareiro. O de cociña fíxeno tamén, obviamente, porque o quería facer. Pero ao final ao empezar a traballar nisto, empezoume a gustar máis e tirei por aquí. Estudei o ciclo de Servizos en Restauración no IES Vilamarín en Ourense, e a partir de aí empecei a traballar con xente boa deste mundo que sinceramente é onde máis aprendes, xa que o instituto está ben pero se non tes máis base que esa, mal vas. E logo seguín perfeccionando.

Cal é a clave do éxito?
A clave do éxito, se a hai, primeiro habería que empezar pola humildade, esa é a base; todos os días están saíndo produtos, cousas novas... polo que hai que estudar o máximo posible, formarse moito, estar á última do tema; e a constancia.

Comentarios