'Os Cocidos do Camiño' empapan a Lalín de música e gastronomía

Ademais de degustar o prato estrela, os asistentes gozarán das actuacións de Eladio y los Seres Queridos e Tanxugueiras, entre outros
Inauguración do festival, este venres. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Inauguración do festival, este venres. PATRI FIGUEIRAS

A primeira edición dos Cocidos do Camiño abriu este venres as súas portas na Carpa do Campo da Feira cun gran éxito de participación. Decenas de persoas asistiron á primeira xornada deste evento, que continúa este sábado cunha proposta moi especial: gozar dunha experiencia completa ao redor dun prato tan venerado como o cocido. Unha experiencia gourmet con cociñeiros e restaurantes de primeiro nivel procedentes de Cantabria, Extremadura, Asturias e Lalín.

Na inauguración da feira participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López; o director de I-Radia Crea, organizadora do evento, Carlos A. Montilla, e o alcalde de Lalín, José Crespo. Tamén estiveron presentes Julián Hurtado, do restaurante El Chozo Extremeño (Badajoz), Cristina Rey, de La Gitana Gastro-Bar (Gijón); Montse Prellezo, do restaurante Remoña (Espinama - Lebaniego), e Cecilia Sanmartín de Casa San Martín (Lalín).

Houbo, ademais, unha degustación gastronómica a cargo dos catro cociñeiros tralo acto de apertura do festival gastronómico.

Con Cocidos do Camiño, o concello de Lalín conecta a súa gastronomía culinaria con outras localizacións do camiño. Co cocido como nexo común e reclamo principal para todos os asistentes, pero non o único, pois este festival tamén conta cunha proposta musical de primeiro nivel achegando artistas dos territorios participantes nesta primeira edición do evento.

Así, os asistentes puideron gozar este venres dos concertos de Maluks e Baiuca, ademais dunha sesión DJ. Este sábado a proposta divídese en dúas sesións: ao mediodía, coas actuacións das Pandereteiras A Carballeira de Cercio e Eladio y los Seres Queridos, e na sesión da tarde noite chegará o prato forte –no que ao plano musical se refire– con Atmósfera 0 e Club del Río e a actuación de Tanxugueiras. O peche no Campo da feira tamén correrá a cargo dun DJ.

Este evento dá continuidade así á Feira do Cocido de Lalín celebrada o pasado mes de abril e considerada Festa de Interese Turístico Internacional, a través do intercambio de experiencias gastronómicas vinculadas ao Camiño de Santiago, coincidindo co Xacobeo.

Así, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou durante a inauguración que o festival converte Lalín no quilómetro cero da gastronomía tradicional e tamén no escaparate internacional da gastronomía galega vinculada ás rutas xacobeas.

De feito, sinalou que o Camiño de Santiago é o maior reclamo turístico da comunidade e o cocido un dos produtos de maior exaltación da gastronomía de Galicia, polo que incidiu na boa combinación entre ambos recursos.

Comentarios