Cociña de 'fusión' en Silleda

DÚAS PARROQUIAS NUNHA ▶Ansemil e Martixe son entidades distintas aínda que, na práctica, funcionan como unha. Comparten local social, campo da festa e campo de fútbol e teñen unha asociación de veciños común. Unha singular unión que chega ata os fogóns

Veciños de Ansemil, á esquerda, e de Martixe, á dereita, co alcalde no medio, xunto ó seu local social. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Veciños de Ansemil, á esquerda, e de Martixe, á dereita, co alcalde no medio, xunto ó seu local social. PATRI FIGUEIRAS

Ansemil-Martixe, escrito así, co guión, enténdese como unha parroquia, pero en realidade son dúas. Curiosamente, o nome composto xa está asentado no imaxinario colectivo. Mesmo o propio Concello se refiere en ocasións a elas como a parroquia de, en singular. A última, o pasado venres, cando presentaron a Festa dos Callos que, por sétimo ano, organizan os veciños en conxunto e que se celebrará o próximo sábado 13 de abril. Esta cita gastronómica é a mostra tanxible da unión entre ambas. De feito, teñen moito en común; comparten ocio, infraestruturas e mesmo necesidades, pero cada unha delas defende a súa identidade. Téñeno claro. Ningún dos seus veciños pensa en ningunha fusión máis que a culinaria.

"As orixes de todo isto podemos dicir que empezaron no ano 72 ou 73, cando se fixo a concentración parcelaria", apunta Evaristo Rey, presidente da Asociación Veciñal Ansemil-Martixe e natural desta última. Naquel tempo, cando se fixo a organización de terreos, "deixáronnos o Centro Cultural, o campo da festa e o campo de fútbol para as dúas parroquias". E alí, nesas parcelas compartidas, onde fisicamente están os lindes entre ambas, naceu o xermolo da unión.

"A partir de aí, en maior ou menor medida, sempre fomos colaborando". Antes da dos callos, tiveron outra festa común, que deron en chamar Martixemil, pero, co tempo, deixaron de facela. Cada parroquia quedou coa súa: Martixe co San Cristobo, o 10 de xullo, e Ansemil co San Lois, o 25 de agosto. Cada unha ten tamén a súa igrexa, pero mesmo comparten oficios relixiosos. Un domingo a misa é nun templo e ó seguinte, no outro. O párroco é o mesmo, pero esta alternancia non se debe, neste caso, á actual falta de sacerdotes. "Teño sesenta e pico anos e recordo que foi sempre así. O cura que me deu a min catequese atendía as dúas parroquias. A cousa xa vén de moito atrás. Quizais tamén tivo el moito que ver coa unión, porque andou metido no asunto da concentración parcelaria", lembra Evaristo.

UNHA XUNTANZA Ó MES. Ademais de á saída da misa, Ansemil-Martixe ten unha cita tódolos últimos sábados de mes. No local social que comparten fan unha comida para xuntarse. Tamén coinciden nos ensaios da Asociación Cultural e Musical Gaiteiros da Pereiriña, conformada por veciños de ámbalas dúas.

"Á hora de pedirlle ó Concello facémolo dende a asociación de veciños ou dende a cultural e musical, dependendo do tema. Non podemos ter queixa, sempre nos bota unha man", apunta agradecido o presidente dos dous colectivos. Os danos causados polas obras do Tren de Alta Velocidade, hai anos, foron un dos motivos máis trascendendes polos que os veciños se xuntaron para reclamar o arranxo das súas pistas, que quedaron estragadas.

"Levámonos moi ben, pero Ansemil quere ser Ansemil e Martixe, Martixe, aínda que eu tírolle do aire ós de Ansemil dicíndolle que acabarán sendo un lugar de Martixe, que é máis grande. Non queren oír falar diso!", bromea Evaristo. A primeira conta cunha vintena de casas; a segunda, con "trinta e poucas". Ansemil presume de igrexa, que foi convento, e Martixe da Fervenza do Toxa, que aínda que se vende como da parroquia de Pazos, tamén linda con ela. Gábanse, ademais, do seu orgullo común, a Festa dos Callos, na que hai representación dunha e doutra. Á fronte da organización están Evaristo e Ana Guzmán, veciña de Ansemil. É tamén secretaria das dúas asociacións: a veciñal e a cultural.

Os callos de Elena, sinal de identidade
Cada parroquia quere manter a súa identidade, pero á hora de sentar na mesa, teñen unha común: os callos. A festa, que cada edición gaña máis adeptos, naceu "de broma" hai sete. Os gaiteiros de Ansemil-Martixe que ían actuar a outros lugares eran convidados a pinchos polos anfitrións. "Sempre nos dicían a ver cando faciamos nós algo así", explica Evaristo Rey. Para devolver o convite, pensaron en Elena Santiso, de Ansemil. "A súa filla dixo: por que non a Festa dos Callos, que miña nai fainos moi ben?". Tivo acerto. Na próxima agardan preto de 600 comensais.

Comentarios