Desde este xoves pódense solicitar as axudas extraordinarias directas ao sector do comercio do concello de Lalín logo de que viñeran de ser publicadas o mércores no BOPPO. O prazo é de 15 días hábiles para pedilas. Finalizado dito prazo de solicitude, resolveranse a fin de que os cartos cheguen aos comerciantes o antes posible.
Cómpre destacar que o Concello de Lalín baixou do 30% ao 20% o límite de perdas mínimas para que poidan beneficiarse o maior número de empresas e negocios e ademais tamén se abriu un prazo de preinscrición para que se puideran subscribir todos os posibles beneficiarios e para que a cantidade fose a maior posible para cada establecemento.
Deste xeito, a axuda será de 1.000 euros por establecemento ou por actividade sen establecemento, podendo ter a persoa ou entidade beneficiaria máis dun establecemento ou actividade con dereito a axuda. Concederase unha única axuda por establecemento con independencia do número de persoas autónomas que desenvolvan a súa actividade no mesmo. A presentación de solicitudes individualizadas polas persoas autónomas que desenvolvan a súa actividade no mesmo establecemento entenderanse desestimadas.
O fin do goberno, sinalan os membros do mesmo, "é poder axudar o máximo posible a estes sectores produtivos, aos que se destinarán 250.000 euros ao comercio e 250.000 euros á hostalería". Desde o grupo que rixe o municipio faise fincapé no "moi considerable esforzo que se está a facer cos sectores máis damnificados, malia que algúns tenten facer ver o contrario".
Recórdase que o Concello de Lalín "xa outorgou axudas na primeira ondada da pandemia", que foron de 1.200 euros para os establecementos que tiveron que pechar polo estado de alarma e de 300 euros para actividades produtivas e establecementos con peche parcial da actividade ou redución da produción.
Desde o goberno municipal incídese en que "non hai practicamente ningunha administración que teña xa distribuídas, por segunda vez, as axudas para os sectores máis afectados como o comercio ou a hostalería". E engaden: "Nin que falar ten do goberno do Estado que dixo que esperaban que as axudas a empresas, autónomos e pemes puideran ser resoltas durante o verán e chegarían só a 1 de cada 12 empresas ou da Deputación da que nada se sabe como vai concretar a cantidade irrisoria que estableceu para este fin (59 mil euros no caso de Lalín)".