O comercio de Lalín xa pode solicitar as axudas de 1.000 euros por establecemento

O Concello baixou do 30% ao 20% o límite de perdas mínimas para que se beneficien o maior número de negocios
Xuntanza do alcalde co sector do comercio local. DP
photo_camera Xuntanza do alcalde co sector do comercio local. DP

Desde este xoves pódense solicitar as axudas extraordinarias directas ao sector do comercio do concello de Lalín logo de que viñeran de ser publicadas o mércores no BOPPO. O prazo é de 15 días hábiles para pedilas. Finalizado dito prazo de solicitude, resolveranse a fin de que os cartos cheguen aos comerciantes o antes posible.

Cómpre destacar que o Concello de Lalín baixou do 30% ao 20% o límite de perdas mínimas para que poidan beneficiarse o maior número de empresas e negocios e ademais tamén se abriu un prazo de preinscrición para que se puideran subscribir todos os posibles beneficiarios e para que a cantidade fose a maior posible para cada establecemento.

Deste xeito, a axuda será de 1.000 euros por establecemento ou por actividade sen establecemento, podendo ter a persoa ou entidade beneficiaria máis dun establecemento ou actividade con dereito a axuda. Concederase unha única axuda por establecemento con independencia do número de persoas autónomas que desenvolvan a súa actividade no mesmo. A presentación de solicitudes individualizadas polas persoas autónomas que desenvolvan a súa actividade no mesmo establecemento entenderanse desestimadas.

O fin do goberno, sinalan os membros do mesmo, "é poder axudar o máximo posible a estes sectores produtivos, aos que se destinarán 250.000 euros ao comercio e 250.000 euros á hostalería". Desde o grupo que rixe o municipio faise fincapé no "moi considerable esforzo que se está a facer cos sectores máis damnificados, malia que algúns tenten facer ver o contrario". 

Recórdase que o Concello de Lalín "xa outorgou axudas na primeira ondada da pandemia", que foron de 1.200 euros para os establecementos que tiveron que pechar polo estado de alarma e de 300 euros para actividades produtivas e establecementos con peche parcial da actividade ou redución da produción.

Desde o goberno municipal incídese en que "non hai practicamente ningunha administración que teña xa distribuídas, por segunda vez, as axudas para os sectores máis afectados como o comercio ou a hostalería". E engaden: "Nin que falar ten do goberno do Estado que dixo que esperaban que as axudas a empresas, autónomos e pemes puideran ser resoltas durante o verán e chegarían só a 1 de cada 12 empresas ou da Deputación da que nada se sabe como vai concretar a cantidade irrisoria que estableceu para este fin (59 mil euros no caso de Lalín)".

Comentarios