Comeza a campaña do comercio de Lalín con 25.000 euros en premios

Uns douscentos establecementos adheríronse á iniciativa do Concello para incentivar o consumo nas tendas locais
Crespo na reunión co comercio. DP
photo_camera Crespo na reunión co comercio. DP

Preto de douscentos establecementos adheríronse á campaña de dinamización de compras do Nadal, que abrangue sorteos de 25.000 euros en premios, materializados a través de tarxetas-regalo Mercalalín por un importe de 250 euros cada unha, canxeables no comercio local ata o 31 de xaneiro de 2021. Deste xeito, do importe total de cada tarxeta-regalo, 200 euros deberán ser investidos no comercio e 50 en perruquerías, salóns de beleza e centros de estética.

Unha campaña que o Concello de Lalín desenvolve en base ao acordo ao que chegou co sector do comercio o pasado 3 de decembro no marco do plan municipal de apoio ao tecido produtivo. Supón adiantar xa a activación do devandito plan a este ano a través desta campaña promocional de compras de Nadal, tratando de incrementar as ventas e incentivar o consumo no comercio local.

Os establecementos adheridos terán colocado no seu escaparate cartelería promocional desta campaña de sorteos, a fin de que a clientela poida identificalos. O luns distribuíronse por todos eles unhas rifas que desde este martes comezarán a entregar aos seus clientes con cada compra ata o remate de campaña, previsto para mediados de xaneiro. O comerciante dálle por cada compra realizada unha rifa ao cliente, na que terá que cubrir os seus datos persoais e depositala xunto co ticket de compra adherido á rifa, nunha urna habilitada para tal fin.

Deste xeito, o comprador entrará no sorteo de tarxetas-regalo prepago MercaLalín por valor de 250 euros para gastar nos establecementos comerciais que toman parte na campaña ata que remate xaneiro. Hai que destacar que ao tratarse dun importe inferior a 300 euros, as persoas beneficiarias están exentas de tributación.

Os sorteos faranse semanalmente cada luns. O primeiro celebrarase o 21 de decembro. Os seguintes o 28 de este mes, 4, 11 e 18 de xaneiro.

Comentarios