A compostelá Berta Dávila gaña o Premio de Novela García Barros

A súa obra 'Carrusel' foi a elixida de entre a vintena que se presentou ó certame que convoca dende hai 31 anos A Estrada

O xurado e o edil de Cultura deron acoñecer o nome da novela vencedora. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera O xurado e o edil de Cultura deron acoñecer o nome da novela vencedora. PATRICIA FIGUEIRAS

A novelista e poetisa Berta Dávila Fernández (Santiago de Compostela, 1987) converteuse este martes na cuarta muller que gaña o Premio de Novela Manuel García Barros, un certame que dende hai 31 anos convoca o Concello da Estrada. O xurado elixiu a súa obra Carruselcoma a mellor de entre a vintena que se presentou. O galardón recae por segundo ano consecutivo nunha fémina. En 2018 a vencedora foi a silledense Ana Cabaleiro, cinco anos despois de facerse co premio Ángeles Sumai. A primeira en recollelo foi María Gándara, en 1997.

O comité deliberador estivo integrado polo escritor e crítico literario Armando Requeixo; polo mestre e literato Carlos Loureiro, que actuou como secretario; pola filóloga e ensaísta María Eulalia Agrelo Costas; pola mestra Inmaculada Otero; e polo poeta e editor Carlos González de Lema. "Sorprendeunos esa voz en primeira persoa tan poderosa, que fala dende a sinceridade, que conecta cos lectores de forma inmediata", explica Otero sobre a novela gañadora.

Carrusel é unha obra con moitas personaxes femininas "moi ben traballadas", cun "punto de orixinalidade" e cun discurso "que mestura a sensualidade dos sentimentos", no que as matemáticas e a numeroloxía "vertebran toda a obra". A protagonista, unha escritora, vai saldando as contas cos membros da súa familia, sobre todo cun tío que sempre a animou a escribir, apunta Otero. "Sabe como vai transcorrer a tarde véndolle as mans, os cotenos, ó seu tío", engade sobre a narradora da novela.

A Estrada volve distinguir a Dávila, que en 2007 se fixo co Premio de Poesía Avelina Valladares que tamén convoca o municipio da capital de Tabeirós. A autora é "unha das narradoras e poetas máis orixinais e anovadoras", explica González de Lema.

Comentarios