Compromiso advirte de situacións «perigosas» na zona da Praza de Europa

O partido político local recomenda á mocidade da vila que non frecuente este lugar
Paco Villanueva (esquerda), Rafael Cuiña, Carmen Santos e Tito Fernández. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Paco Villanueva (esquerda), Rafael Cuiña, Carmen Santos e Tito Fernández. PATRI FIGUEIRAS

Os membros de Compromiso por Lalín (CxL) lanzaron este mércores unha advertencia á poboación lalinense en xeral e á mocidade en particular para que eviten frecuentar a zona da Praza de Europa, onde diariamente se están producindo, aseguran, circunstancias "perigosas".

"Con total respecto polo traballo dos corpos e forzas de seguridade" que operan en Lalín, o líder da agrupación política local, Rafael Cuiña, que ofreceu este mércores unha rolda de prensa acompañado de Paco Villanueva, Carmen Santos e Tito Fernández para dar conta dos asuntos de actualidade da vila, asegurou que lle chegaron varias advertencias de veciños e veciñas que son coñecedores do día a día desta zona da cidade, na que se venden "cousas que non se deben vender" e onde son frecuentes as pelexas, incluso con apostas.

Así, os membros de Compromiso informan que, solo polo feito de pasar por esa zona, houbo xente que foi ameazada e que se viviron "situacións desagradables", polo que piden prudencia e aos mozos que eviten a Praza de Europa.

Chan industrial

Lalín precisa máis chan industrial xa, pois debido ao retraso na ampliación do Polígono Lalín 2000 "estamos perdendo oportunidades históricas de crear emprego en Lalín". Así de contundente foi Cuiña, que volveu insistir en que os prazos que manexa Xestur son máis amplos dos que indican tanto o Concello de Lalin como a Xunta de Galicia.

O proceso da cuarta fase de ampliación do polígono atópase actualmente na fase de alegacións. Haberá que esperar seis meses para iniciar as expropiacións, e un ano e medio ou dous para licitar o proxecto. A isto habería que sumar un ano como mínimo para que as empresas interesadas en implantarse en Lalín ou ampliar as súas instalacións na capital dezana construísen as instalacións, polo que haberá que esperar arredor de seis anos en total "para que entre unha persoa a traballar alí", asegurou Rafael Cuiña.

Cuiña, que recordou que xa advertiu hai tempo desta circunstancia, culpa desta perda de investimentos á Xunta e afirmou que os únicos responsables son "os que non quixeron ampliar o polígono industrial de Lalín".

Comentarios