O Concello atopa unha solución urbanística para ampliar o instituto

Trataríase de incrementar en 2.000 metros cadrados o seu espazo en altura de forma directa, sen necesidade de adquirir terreos
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, xunto ao instituto Aquis Celenis. CEDIDA
photo_camera O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, xunto ao instituto Aquis Celenis. CEDIDA

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, informou esta semana por escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia da solución atopada polo Concello para poder ampliar o IES Aquis Celenis de forma inmediata.

Nas reunións celebradas recentemente polo equipo de Goberno coa arquitecta encargada de estudar a ampliación do instituto e co redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e os servizos técnicos de urbanismo do Concello, valorouse unha solución que permite a ampliación do centro educativo en altura de forma directa, aproveitando toda a edificabilidade dispoñible actualmente, sen necesidade de adquirir ou expropiar outros terreos colindantes que teñen outras problemáticas que demorarían a construción.

Nesta solución o instituto podería incrementar a superficie en 2.000 metros cadrados, ampliando nunha altura os volumes existentes actualmente.

Por iso, o alcalde de Caldas de Reis considera que o tema está desbloqueado e urxe á Xunta de Galicia a rápida redacción do proxecto de ampliación e a consignación orzamentaria para a súa pronta execución.

ALTERNATIVAS. O alcalde recorda que o proxecto de ampliación do Instituto e a impartición no mesmo de ciclos formativos de FP foi plantexado por el mesmo á Consellería de Educación no ano 2018 con motivo da Semana da Ciencia Sabio Caldas. Juan Manuel Rey indicou tamén que o pasado 19 de febreiro comunicou á Xunta diversas posibilidades urbanísticas para desenvolver a ampliación do instituto.

Así, o rexedor caldense confía en que nesta ocasión a solución proposta polo Concello sexa aceptada pola Consellería e "desenvolvida sen máis demoras", subliña, "xa que é unha necesidade prioritaria para a poboación de Caldas e da súa comarca", sentencia o mandatario.

Comentarios