O Concello de Caldas pecha o 'Cultura Quente' con máis de 200 artistas invitados

O Goberno local asegura que esta edición abriu as portas a manter a aposta pola creatividade local
Cartel do festival Cultura Quente nunha edición pasada. OLGA FERNÁNDEZ (ADP)
photo_camera Cartel do festival 'Cultura Quente' nunha edición pasada. OLGA FERNÁNDEZ (ADP)

A programación cultural municipal para este verán marcado pola situación sanitaria, que se presentou baixo o nome do seu emblemático festival Cultura Quente na súa 23ª edición, deixou en Caldas "un inmellorable sabor de boca tanto entre o público como no seo dos artistas participantes e abriu de par en par as portas a manter a aposta en próximos veráns pola creatividade local", apuntou o Concello.

Caldas viviu entre o 16 de xullo e o 3 de setembro unha frenética actividade cultural que congregou a preto de 200 artistas nos diferentes escenarios da localidade, con máis de 30 grupos e compañías e ao redor de 60 actividades programadas. O programa contou co respaldo do público e foron numerosos os concertos que completaron o aforo cada fin de semana.

A concelleira de Cultura, María López Buceta, fixo onte balance da programación e remarcou que "foi a maior aposta por artistas e creacións locais da historia do festival Cultura Quente". "Dende o Goberno municipal consideramos a cultura como unha ferramenta fundamental para axudarnos a levar mellor a realidade tan peculiar que nos está tocando vivir e por iso traballamos nunha alternativa cultural moi atractiva que serviu tamén para apoiar de maneira decidida o sector cultural local", explicou a concelleira.

Así mesmo, María López afirmou que "os obxectivos cumpríronse con creces" e fixo fincapé no "gran número de artistas de Caldas ou relacionados dalgún xeito co noso municipio que se deron cita no certame". O seu talento quedou proxectado máis aló de Caldas grazas ao ciclo Son Cileno que reuniu toda a creatividade local en memorables actuacións de grupos e bandas como Soüldiers, Gradín Tom & Reverendo, Dj Xaby, Dj Óscar, Dj Moe, Os meninos, Chorinhos e Afíns, Froján, AnecoiD ou Igloo, entre outros.

A Escola Municipal de Música de Caldas de Reis tamén tivo un papel fundamental dentro do festival, pois os concertos de Música da Escola deixaron patente o nivel de músicos formados en Caldas. Polo seu lado, o Vermú de Domingo, encheu as rúas de alegría con grupos de gaitas, fanfarrias e charangas. A todo isto sumáronse as actividades deportivas e lúdicas para nenos e nenas do programa Brincadeira.

Por outro lado, a 23ª edición de Kaldarte, incluída no festival, deixou en Caldas máis de 20 intervencións esparexidas por todo o casco urbano e enriqueceu as rúas e espazos públicos mostrando a vila termal dende unha perspectiva diferente.

Comentarios