O Concello de Caldas de Reis mellora o seu treito do Camiño Portugués

Os traballos iniciáronse na Capela de Santa Lucía en Arcos da Condesa e seguirán ata Valga
Labores de limpieza na Capela de Santa Lucía. CEDIDA
photo_camera Labores de limpieza na Capela de Santa Lucía.

O Concello de Caldas de Reis a través do Servizo Municipal de Medio Ambiente e Obras, está desenvolvendo un plan de acondicionamento e limpeza do treito do Camiño Portugués que atravesa o termo municipal. A actuación completarase esta semana afectando tanto ás contornas dos principais bens e recursos patrimoniais presentes ao longo do Camiño como ao trazado viario naqueles puntos nos que sexa preciso acometer traballos de acondicionamento.

Como sinalou o concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, "trátase dunha iniciativa coa que pretendemos poñer en valor o percorrido do Camiño Portugués polo noso concello e ofrecer o seu máximo atractivo aos peregrinos que nesta época transcorren por esta ruta".

Os traballos de limpeza, roce de vexetación e acondicionamento a través de medios manuais e mecánicos deron inicio na Capela de Santa Lucía en Arcos da Condesa e prolongaranse polo trazado xacobeo ata o límite municipal con Valga.

PROXECTO LIBERA. A iniciativa tamén se inclúe dentro do proxecto Libera, creado por SEO/ BirdLife en alianza con Ecoembes, e en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias, a través da campaña #MiPuebloSinBasuraleza ao que vén de sumarse o Concello de Caldas de Reis. O seu obxectivo é o de poñer en valor Caldas e ás súas contornas naturais e rurais este verán e animar a todos os habitantes e visitantes a que gocen do turismo dunha maneira responsable. Caldas de Reis dispón de paraxes de gran valor ambiental como os cursos fluviais do Umia e o Bermaña, a Carballeira, o Xardín Botánico ou, por suposto, o Camiño Portugués, exemplos de contornas que deben manterse limpas para lograr a súa conservación.

O socialista Manuel González manifestou que "o Camiño Portugués é un sinal de identidade para o Concello de Caldas que se converteu nun dos principais eixos dinamizadores da nosa economía, polo que dende o Goberno temos o compromiso de mantelo nas mellores condicións para que poida ser desfrutado polos peregrinos e visitantes".

Comentarios