O concello da Estrada sumérxese nas ansiadas Festas de San Paio 2022

David Amor ofrecerá este venres o pregón, ás 22.00 horas, na Praza do Concello, onde acto seguido comezará o concerto de Treixadura
As atraccións están situadas na recén restaurada Praza da Feira. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera As atraccións están situadas na recén restaurada Praza da Feira. PATRI FIGUEIRAS
Este xoves comezan as festas de San Paio. Unha festividade agardada durante todo o ano polos veciños e veciñas da Estrada e que por fin recupera o seu formato habitual tras dous anos de pandemia. A intensa programación que ofrece o Goberno local encherá durante cinco días a vila de actividades para todos os públicos.

Xoves, 23 de xuño

As actividades comezan este xoves ás 18.00 horas coa apertura das atraccións na Praza da Feira. Á mesma hora, inaugurarase a exposición fotográfica O San Paio que foi en varios escaparates comerciais das rúas Calvo Sotelo e Ulla. Máis tarde, ás 21.00 horas, terá lugar o acendido da iluminación e, unha hora máis tarde, ás 22.00 horas, dará comezo a sardiñada de San Xoán no aparcadoiro do Teatro Principal con sardiñas gratis, polbeiro e a actuación do grupo Regatos. Ás 00.00 horas poderase saltar o lumeiro e ás 00.30 horas dará comezo o concerto de Baiuca na Praza do Concello.


Venres, 24 de xuño

Ás 11.00 horas haberá pasacalle da Charanga TNT acompañado da tirada de bombas de palenque e ás 12.30 horas o Teatro Principal acollerá o concerto do grupo de acordeóns Os Lóstregos e Marietta. Xa pola tarde, ás 18.00 horas a Charanga TNT volverá percorrer as rúas do casco urbano; ás 19.00 horas, a Praza do Mercado acollerá un concerto infantil con inchables e festa de escuma -se chove, estas actividades celebraríanse o luns 27 de xuño, ás 12.00 horas-; e ás 20.00 horas terá lugar a exhibición da Escola de Baile Sondodance no pavillón Manuel Coto Ferreiro. Ás 21.00 horas arrancará a X edición da Nocturna Estradense dende a rúa Calvo Sotelo. Ás 22.00 horas David Amor dará o pregón desta edición na Praza do Concello, onde acto seguido comezará o concerto de Treixadura -en caso de choiva trasladaríase ao Teatro Principal-. Ás 23.00 sairá da rúa Calvo Sotelo a categoría absoluta da Nocturna Estradense co acompañamento musical de Power Trío; ás 00.00, a Zona dos Viños contará coa animación da Orquestra de Foles de Portugal, e ás 00.30 horas actuará Cinema na Praza de Galicia.


Sábado, 25 de xuño

O sábado a programación comezará coa celebración do torneo 3x3 de baloncesto, ás 10.00 horas na Alameda Municipal. Ás 11.00 horas, a Charanga Os Atrevidos fará un pasacalle polo casco urbano, mentres que á mesma hora a zona deportiva acollerá o Campionato Galego de Ciclismo en Ruta. Ás 12.00 horas, a Banda de Gaitas de Barbude, a Banda de Gaitas Malante de Malpica e a Orquestra de Foles de Portugal percorrerán as rúas Ulla, Calvo Sotelo, Serafín Pazo e a Praza do Concello. Ás 13.00 horas, na rúa Ulla, haberá unha sesión vermú coa actuación do grupo Supermirafiori. Tamén á mesma hora, a Zona dos Viños acollerá unha actividade de pintacaras a cargo de @mepintakiki. Xa pola tarde, as actividades comezarán ás 16.00 horas coa celebración dos partidos da categoría absoluta do torneo 3x3 de baloncesto na Alameda Municipal. Ás 18.00 horas, haberá pasacalle da Charanga Os Atrevidos. Ás 19.00 horas terá lugar na Praza do Mercado unha festa infantil de zumba cos Bolechas. Ás 19.30 horas, a Alameda Municipal acollerá un Festival de Música Tradicional. Ás 20.30 horas haberá sesión DJ na Zona dos Viños a cargo de I.T.Y.F. A Praza de Galicia acollerá ás 21.00 horas a actuación da Orquestra Galilea. Ás 22.30 horas dará comezo o concerto especial polo 30 aniversario de Tequexetéldere xunto coa Banda de Música Municipal da Estrada na Praza do Concello e, ao seu remate, ás 23.30 horas, a festa continuará coa Orquestra Galilea de novo na Praza de Galicia. Ás 00.00 horas terá lugar na Alameda Municipal o Start of Summer Festival coas actuacións de Henry Méndez, Groove Amigos, Carlos López, Zana, Pedro Rivis, Álex Brea, Xabi Villar e Iván Campos.


Domingo, 26 de xuño

Ás 10.30 horas haberá actuación de Musikenos no Teatro Principal. Ás 11.00 horas, a Estación de Autobuses acollerá o XFest con actividades coma Skateboard, Escape Room, Karaoke, Nerf e Ponte-Slackline. Tamén á mesma hora terá lugar o pasacalle da Charanga BB+ polas rúas da vila e a elaboración da alfombra floral de Corpus na rúa Calvo Sotelo por parte da Asociación de Alfombristas da Estrada. Ás 12.00, actuación de Musikenos no Teatro Principal, e ás 13.00 horas, a oferta musical continuará co concerto da Banda de Música Cultural da Estrada na Alameda Municipal. Ás 16.00 continuará o XFest na Estación de Autobuses cun taller de grafiti, batalla de galos e esgrima histórica. Ás 18.00 horas haberá pasacalle da Charanga BB+ . Ás 19.00 horas, a Banda de Música Cultural da Estrada ofrecerá un pasacalle e, á mesma hora, na Praza do Mercado haberá un concerto infantil con inchables e festa da escuma. Ás 20.00 horas, a Praza de Galicia acollerá o espectáculo de batucada de Latexo Percusión. Tamén á mesma hora, haberá misa cantada na honra a San Paio polo coro San Simón de Teo e procesión a cargo da Agrupación Musical de Cornetas, Tambores e Gaitas ACOTAGA de Ferrol e mais a Banda de Música Cultural da Estrada. Ás 22.30 horas terá lugar na Praza do Concello o concerto de Xoel López e ao seu remate, ás 00.00 horas, comezará a actuación da orquestra El Combo Dominicano na Praza de Galicia.


Luns, 27 de xuño

O luns será o derradeiro día das festas patronais e comezará ás 11.00 horas coa celebración da Festa da Bicicleta na Praza do Mercado. Ás 12.00 horas haberá pasacalle da Banda de Música Municipal da Estrada e, acto seguido, ás 13.00 horas, dará un concerto na Alameda Municipal. Xa pola tarde, ás 18.00 horas haberá pasacalle do grupo Lume na Lareira. Ás 19.00 horas, a Praza do Mercado acollerá un concerto de Lucía Azurmendi Grupo. Ás 19.30 horas, a Escola Municipal de Artes Escénicas representará O Principiño no Teatro Principal. Ás 20.00 horas celebrarase a misa cantada pola Coral Polifónica Estradense e a continuación a procesión do Santísimo a cargo das bandas de música Municipal da Estrada e Militar da Brilat, que desfilarán polas rúas da estrada e ofrecerán un concerto na Praza do Concello. Ás 21.00 horas abrirán os polbeiros na Carballeira da Feira. Ás 22.30 dará comezo a actuación da orquestra Panorama na Praza do Concello. Ás 00.30 haberá a tirada de fogos de artificio dende a Cañoteira indicando o remate da festa e ás 1.00 horas volverá actuar a orquestra Panorama.

O martes celebrarase o Día do Neno, que se prolongará durante a fin de semana do 1 ao 3 de xullo con descontos para os cativos nas atraccións de feira.