O concello de Dozón pon en servizo un punto limpo móbil

O municipio recibiu unha axuda de case 70.000 euros da Xunta de Galicia para por en funcionamento esta instalación
Sagrario Pérez e Luis López visitaron este xoves o municipio dezano. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Sagrario Pérez e Luis López visitaron este xoves o municipio dezano. PATRI FIGUEIRAS

O concello de Dozón xa ten en funcionamento un novo servizo de punto limpo móbil grazas a unha subvención da Xunta de Galicia de case 70.000 euros.

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitaron este xoves o municipio pontevedrés, que foi un dos 31 concellos beneficiarios ao abeiro da orde convocada en 2021 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para axudar aos concellos de menos de 3.000 habitantes a adquirir este tipo de instalacións.

Neste sentido, a directora xeral explicou que o obxectivo da Xunta é contribuír a mellorar e ampliar a xestión dos residuos especiais de competencia municipal co fin de favorecer a súa axeitada recollida, clasificación e preparación para a reutilización na comunidade, ao tempo que se evita a proliferación de puntos de vertido incontrolado nas contornas urbanas e en espazos naturais.

Así, lembrou que só ao abeiro da convocatoria do ano pasado 31 concellos recibiron o apoio da Consellería para poñer en marcha un total de 23 puntos limpos móbiles. De feito, cun límite de 70.000 euros para as solicitudes individuais e de ata 100.000 cando se trata dunha agrupación de municipios, as axudas da Xunta cubriron nalgún caso o 100% do custo do material adquirido para implantar este servizo.

No caso concreto de Dozón, Sagrario Pérez explicou que a Consellería concedeulle 69.756,50 euros ao Goberno local, o 100% da contía solicitada, que grazas a estes fondos adquiriu un contedor con oito zonas de reciclaxe para diferentes tipos de materiais, unha furgoneta portante e unha pequena grúa para facilitar a súa posta en servizo polas diferentes parroquias. Tamén dedicará parte da subvención á realización dunha campaña de difusión e sensibilización.

Ademais, cómpre lembrar que o ano pasado Dozón implementou o seu sistema para a recollida separada dos residuos urbanos ao incorporar contedores específicos destinados á recuperación de envases de plástico, latas e briks e de papel-cartón.

Comentarios