O Concello de Forcarei busca a aldea mellor decorada durante o Nadal

As persoas interesadas en participar no concurso deberán tramitar as inscricións entre o vindeiro 14 de novembro e o 12 de decembro
Aldea do Sixto, ganadora a la más navideña del Concello de Forcarei. DP
photo_camera Aldea do Sixto, gañadora na primeira edición do certame. DP

Tras o éxito do primeiro concurso de decoración de Nadal, o Concello de Forcarei acaba de convocar unha nova edición para atopar a mellor "Aldea do Nadal" do municipio e estender o espírito festivo por toda a localidade. Haberá premios para as mellores ambientacións nas categorías "colectiva", para os veciños e veciñas de cada aldea, e "familiar", para as persoas que realicen a súa montaxe na súa vivenda particular.

As persoas interesadas en participar no concurso deberán tramitar as inscricións do 14 de novembro ao 12 de decembro. Poderán facelo chamando ao Concello (986 755 036) ou enviando un correo electrónico á [email protected]. As bases íntegras do concurso publicaranse nesta páxina web

Os premios inclúen a iluminación de Nadal para o próximo ano para a aldea gañadora na categoría colectiva e unha cesta de produtos valorada en 200 euros para a categoría familiar.

As propostas de decoración deberán estar expostas a partir do 19 de decembro e ata o 6 de xaneiro. O Concello de Forcarei elaborará un listado dos participantes para que a poboación poida visitar as instalacións. Para a valoración dos elementos decorativos o xurado terá en conta o deseño, a orixinalidade, a iluminación e a utilización de materiais reciclables. A entrega de premios está prevista para o 5 de xaneiro.

A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, animou a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa. "A acollida deste concurso foi tan positiva o ano pasado que non podiamos non repetir a convocatoria" e recoñeceu que o traballo, a implicación e a orixinalidade demostradas "foi impresionante e todas as persoas participantes merecen un recoñecemento", precisou a rexedora.

O Sixto foi a aldea gañadora na primeira edición e este ano contará con iluminación de Nadal especial por parte do Concello. A veciñanza creou para o certame unha ruta de Nadal sinalizada. Na categoría do premio familiar resultou gañadora Carmen Gaiteiro, de Gaxín.

Comentarios