O concello de Forcarei reabre novamente a totalidade das súas instalacións deportivas

Volverán a estar en funcionamento o Circuíto da Madalena e as pistas de pádel cumprindo todas as medidas vixentes
O Circuíto da Madalena durante unha proba celebrada antes da pandemia. DP
photo_camera O Circuíto da Madalena durante unha proba celebrada antes da pandemia. DP

No marco das directrices do proceso de desescalada anunciadas pola Xunta de Galicia, o Concello de Forcarei abre este venres as instalación deportivas municipais. Concretamente, volverán a estar en funcionamento o Circuíto da Madalena e as pistas de pádel, e para o seu uso deberanse cumprir todas as medidas vixentes, tanto de carácter sanitario como de carácter xeral, ditaminadas polas autoridades autonómica e estatal.

A falta de que se publique no Diario Oficial de Galicia con todas as indicacións concretas, poderase practicar deporte de xeito individual ou en grupos dun máximo 4 persoas non conviventes, e sempre con máscara.

Ante a entrada en vigor destas novas medidas que veñen a aliviar as restricións das últimas semanas, a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, pide a toda a veciñanza que continúe extremando as precaucións fronte ao covid-19. "Non podemos baixar a garda, temos que facer todo o posible para que non se repita a situación tan delicada que tivemos a finais de xaneiro", insistiu.

O xoves, o Sergas notificou entre 1 e 9 novos casos positivos nos últimos 14 días no termo municipal de Forcarei, cunha incidencia acumulada de entre 50 e 150 casos por 100.000 habitantes.

COMERCIO LOCAL. Por outra banda, o Concello de Forcarei quere lembrar a todas e todos os forcaricenses que a campaña de bonos de 10 euros que se repartiron para fomentar o consumo en establecementos de comercio e hostalería locais remata o próximo domingo 28 de febreiro. As persoas que aínda non fixeron uso destes bonos poderán gastalos ata ese día nos establecementos comerciais, bares e restaurantes adheridos á campaña Mercarei. 

Comentarios