O Concello de Lalín agrupará as parroquias en oito grandes áreas

O alcalde José Crespo anunciou este martes esta iniciativa, coa que pretende "dar máis vida" ao rural

O alcalde de Lalín, José Crespo. ADP
photo_camera O alcalde de Lalín, José Crespo. ADP

O alcalde de Lalín, José Crespo, deu a coñecer o pasado martes a próxima iniciativa do Concello para impulsar as zonas rurais: agruparanse as 52 parroquias do municipio en oito grandes áreas. Este proxecto, que o Goberno local plantexa a longo prazo, pretende "dar máis vida" aos veciños e veciñas que residen fóra do casco urbano.

Os criterios seguidos para a formación das oito áreas foron a proximidade, que compartan servizos, intereses económicos, a afinidade entre os veciños e veciñas e as relacións preexistentes por razóns empresariais. "Non queremos que as parroquias máis grandes se coman ás máis pequenas, queremos que a oferta de actividades e eventos vaia incrementando para todos", explicou o rexedor.

Crespo, nesta liña, apuntou á necesidade de garantir os mesmos servizos no rural e no casco urbano: "No rural temos que ter seis servizos: fibra óptica, camiños, recollida de lixo, traídas de auga, alcantarillados e iluminación". O alcalde, así, asegura que, unha vez completada a instalación de fibra óptica no rural, "haberá os mesmos servizos que no casco", o que se pretende complementar coa posta en marcha de actividades unha vez comecen a funcionar ditas áreas parroquiais.

"O que queremos é que as 52 parroquias de Lalín teñan vida e eventos de todo tipo: lúdicos, festivos, culturais ou formativos", manifestou o rexedor. Esta gran iniciativa, así mesmo, continúa a liña das accións que xa se puxeran en marcha no anterior mandato para activar o rural lalinense.

Pero Crespo avisa de que o proxecto non é inmediato e "non imos implantar isto nun ano nin en dous". Tal e como apuntou o alcalde lalinense, "daríame por satisfeito se cando remate este mandato, en 2027, están funcionando as áreas parroquiais dun xeito razoable".

O novo mapa

Todas as áreas foron nomeadas con nomes de accidentes xeográficos e ríos municipais. Conformouse así a agrupación "A Balouta" -que xunta Muimenta, Cadrón, A Veiga, Parada e Alperiz-, a de "Val do Arnego" -que inclúe Cercio, Palmou, Palio, Cangas, Rodís, Cello, Val, Camposancos e Galegos-, a "Do Candán" -con Vilatuxe, Barcia, Gresande, Soutolongo, Doade, Lodeiro, Lebozán, Anseán e Zobra-, ou a de "Val do Deza" -que inclúe Prado, Bendoiro, Cristimil, Noceda, Busto, Méixome, Madriñán, Anzo e Losón-.

As outras catro áreas parroquiais son "Vía da Prata" -con Botos, Donsión, Xesta e Vilanova-, a "Val do boi" -que agrupa Goiás, Xaxán, Maceira, Alemparte, Castro e Albarellos-, a de "Carrio Sur" -con Filgueira, Santiso, Sello, Fontecabalos, Bermés e Erbo- e "Alto de Vales" -que xunta Donramiro, Moneixas e Catasós-.

Depuradora

Tras a reunión do pasado luns con Augas de Galicia sobre o proxecto da nova depuradora, que calificou como "moi positiva2, Crespo tamén anunciou os seus plans neste sentido, que apuntan a "quitar a depuradora do paseo do Pontiños. e levala río abaixo para que teña menos impacto visual".

O alcalde afirmou que, aínda coa mellora da depuradora de Botos pendente, "cando estea feito o tanque de tormentas e a depuradora, Lalín será un dos concellos mellor depurados de Galicia".

Comentarios