O Concello de Lalín botará man do Plan Concellos para contratar 26 traballadores

Os contratos, 17 para o departamento de Obras e nove para servizos xerais, durarán entre seis e nove meses
Edificio del Concello de Lalín DP
photo_camera Edificio del Concello de Lalín DP

O concelleiro de Emprego, Avelino Souto, vén de anunciar que para o ano 2023 o Concello de Lalín levará ao cabo a contratación de un total de 26 traballadores, acción que se financiará con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. No caso dos contratados para os servizos administrativos presentarán perfís distintos aos doutros anos, xa que na maioría dos casos precisaranse titulados universitarios cos que se pretende reforzar algúns equipos técnicos dos distintos departamentos.

Para ditas contratacións, que incluirán 17 postos de traballo para o departamento de Obras e nove para servizos xerais, destinarase un orzamento total de 364.919,32 euros, dos cales 312.000 euros corresponden ao Plan Concellos da entidade provincial e os 52.000 euros restantes á aportación municipal.

Deste xeito, no ámbito das obras, contrataranse catro peóns forestais, un condutor de camión e ata dez peóns de obras por espazo de seis meses, aos que se engadirán un condutor de retroescavadora e dous condutores de tractor desbrozadora que cumplirán un contrato cunha duración de nove meses.

En canto aos postos máis técnicos, precisarase un auxiliar de información turística e un titulado universitario en Económicas ou Empresa para ofrecer apoio ao comercio e desenvolvemento no ámbito rural, ambos contratos por nove meses. Por outra banda, para ocupar un posto de traballo cunha duración de seis meses, búscase a outra persoa titulada en Económicas como apoio ao departamento de Intervención, unha persoa titulada en Dereito para o departamento de Secretaría, unha persoa titulada en Historia da arte para o departamento de Cultura, un titulado en arquitectura técnica para o departamento de Contratación, un técnico de Integración social para o departamento de Servizos sociais, e un técnico superior de Informática para brindar apoio a dito departamento correspondente.

A maiores, dende o Concello lalinense establécese que as persoas traballadoras que se van contratar para realizar as obras ou servizos polos que se outorgue a subvención deberán ser persoas desempregadas e que estean inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes, non ocupadas e que estean dispoñibles para o emprego que se ofrece. Prevese que a selección do persoal será levada ao cabo ao longo do mes de xaneiro, e o inicio dos contratos terá lugar a principios do mes de febreiro.

Comentarios