O Concello de Lalín esterilizará as 348 aldeas do rural do municipio

As tarefas comezarán o martes e tratarán de non interferir nas actividades agrogandeiras

Maquinaria de fumigación. CEDIDA
photo_camera Maquinaria de fumigación. CEDIDA

O Concello de Lalín estenderá a campaña de desinfección municipal a todo o rural, isto é, ás 51 parroquias e ás 348 aldeas a partir do vindeiro martes 31 de marzo. 

O Goberno local indica que foi “consciente desde o primeiro momento en que se desencadeou a alerta sanitaria por coronavirus de que a limpeza e desinfección de espazos públicos é unha das medidas preventivas prioritarias na loita contra a Covid-19, xunto co imprescindible confinamento”. Por iso, activou a campaña de desinfección municipal nos primeiros días do estado de alarma. 

Este operativo de desinfección integral do rural, complementario ao que xa se está facendo de lavado e desinfección dos 1.500 contedores das aldeas -que se iniciou o xoves 26 de marzo de xeito progresivo e está previsto que remate en torno á Semana Santaestá coordinado polo concelleiro delegado do Rural, José Cuñarro, e membro da Comisión Municipal de Seguimento da Covid-19, que preside o alcalde, José Crespo. Así, trátase dun operativo que Cuñarro coordina en colaboración e comunicación directa cos pedáneos de cada parroquia. 

Segundo indica o Concello, as tarefas de desinfección trataranse de facer, na medida do posible, polas tardes “para interferir o menos posible no desenvolvemento das tarefas agrícolas e actividades gandeiras”. 

O cronograma previsto de traballo para levar adiante esta desinfección integral do rural é facer catro ou cinco parroquias por día, segundo subliña o Goberno local, “en función do tamaño das mesmas, de forma que se prevé que a campaña poida rematarse nun prazo establecido de entre 10 e 15 días”, engade. 

OPERATIVO. Os labores de desinfección faranse a cargo da empresa especializada en fumigación que está a realizar estes mesmos traballos no casco urbano, xunto co apoio dun tractor municipal preparado para axudar a realizar os labores de desinfección e dunha fumigadora cedida por Maxideza.

Comentarios