O Concello de Lalín investirá máis de 862.000 euros en remodelar a rúa Areal

O alcalde, José Crespo, presentou este xoves aos veciños e veciñas o proxecto e anunciou que se porán "todos os servizos novos"
Presentación del proyecto este jueves. DP
photo_camera Presentación do proxecto este xoves. DP

Uns oitenta veciños participaron onte na reunión convocada polo Goberno lalinense para presentarlles o proxecto de remodelación integral da rúa Areal, que conta cun orzamento de investimento de 862.522,63 euros e que foi elaborado pola consultora INOR.

O alcalde, José Crespo, acompañado pola concelleira de Urbanismo, Raquel Lorenzo, polo director do proxecto, José Gosende, por un arquitecto da consultora, polo asesor urbanístico municipal, Javier Bugallo, e pola tenente alcalde Paz Pérez e os edís José Cuñarro, Avelino Souto, Pablo Areán e Nardo Seijas, explicoulles que "de acordo ao proxecto no que xa se leva tempo traballado -mantivéronse xa seis ou sete reunións coa empresa que realizou o proxecto- se poñerán todos os servizos novos tratando de que a rúa quede acondicionada para uns corenta ou cincuenta anos".

O mandatario fixo fincapé en que ao atravesar a rúa unha nacional se precisa "do permiso preceptivo de Fomento (Ministerio de Transportes) para poder actuar co que o primeiro que faremos, tras explicarvos o proxecto e recoller as achegas que fagades, é remitirlle o proxecto a Fomento para que nolo autorice e a partir de aí completar a obtención do permisos sectoriais por parte de Augas de Galicia a fin de que a remodelación desta rúa estea licitada antes de que finalice este mandato". Indicou que lle gustaría que fose antes de final de ano ou nos primeiros meses pero dada a complexidade da actuación confía en que estea licitada dentro deste mandato.

Ese foi o compromiso adquirido coa veciñanza, o de ter o proxecto adxudicado antes do maio próximo, dada a complexidade da súa tramitación e tendo en conta tamén que o período de execución está establecido en redor de seis meses. Neste sentido, Crespo pediu por anticipado a comprensión veciñal posto que "as obras sempre traen consigo molestias pero a reforma que se faga, tratando sempre de prexudicar o menos posible, seguro que ha de pagar a pena".

O alcalde indicou que a reurbanización da rúa suporá a renovación total das beirarrúas, da drenaxe de pluviais, da rede de abastecemento de auga, da iluminación, e das canalizacións para o soterramento da rede eléctrica e da rede de telecomunicacións, ao tempo que se actuará sobre o aparcamento "tratando de salvar o máximo número e tratando de mantelos en batería pero marcha atrás".

O proxecto contempla 126 aparcamentos

O proxecto contempla 126 aparcamentos en espiga ("en batería pero marcha atrás") co que, de acordo á solución técnica achegada pola empresa que fixo o proxecto, mellórase a seguridade ao eliminar ángulos mortos e saír no sentidoda marcha.

Establécese así mesmo un paso de peóns a maiores dos existentes (á altura un pouco antes das pistas de tenis) co que a rúa Areal pasará a ter en total cinco pasos de peóns nos 500 metros de lonxitude; e haberá seis zonas de carga e descarga.

Comentarios