O Concello de Moraña estrea a súa nova páxina web

É máis visual que a anterior e deseñouse baixo o formato responsive
photo_camera Imaxe da nova web municipal de Moraña.

O Concello vén de estrear a súa nova páxina web municipal xurdida dun fondo proceso de modernización do portal preexistente e que pretende achegar a Administración local e todos os seus servizos e posibilidades aos veciños con maiores parámetros de seguridade e eficiencia.

A páxina, que agora é moito máis visual, deseñouse baixo o formato responsive, o que permite que se poida empregar axeitadamente con todos os dispositivos móbiles, e ademais xa é plenamente accesible cunha estrutura, tecnoloxía e ferramentas de visibilidade para o seu uso por parte de persoas que padezan algún tipo de discapacidade.

O portal tamén incorporou un sistema de encriptado para gañar en seguridade impedindo o roubo de datos e está integrado coas redes sociais, o que facilita que os usuarios compartan o seu contido. Así mesmo, a web dispón dun apartado de novas, espazos para cada área municipal (Servizos Sociais, Economía, Mocidade, Urbanismo...), un proceso de tramitación electrónica completa e información específica dos eidos turístico e cultural.

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, explicou que o Concello xa levaba un tempo traballando na modernización da páxina web. "É preciso poñer a disposición dos nosos veciños as mellores ferramentas tecnolóxicas para que poidan facer moitas tramitacións e acadar a máxima información do seu Concello de xeito áxil, sen desprazamentos e dun xeito seguro para preservar a nosa saúde", indicou.

Comentarios