lunes. 22.07.2019 |
El tiempo
lunes. 22.07.2019
El tiempo

O Concello de Moraña habilita novas marquesiñas

A rexedora, Luísa Piñeiro, revisando unha das infraestruturas. DP
A rexedora, Luísa Piñeiro, revisando unha das infraestruturas. DP

A Administración municipal busca favorecer as condicións dos escolares e dos veciños que utilizan o transporte público

O Concello de Moraña está a mellorar a rede de infraestruturas de mobilidade coa instalación de novas marquesiñas de agarda para viaxeiros, coas que se pretende fixar con exactitude os lugares de parada do transporte público, especialmente o escolar, e tamén favorecer as condicións de espera dos veciños e usuarios.

Ante esta actuación, a alcaldesa, Luisa Piñeiro, desprazouse ata O Pazo, na parroquia de Rebón, onde vén de colocarse a primeira marquesiña deste lote de obras, que tamén incluíu a instalación doutra similar na aldea de Soar, en San Lourenzo. Agora só resta, ao abeiro desta partida, a implantación dunha terceira infraestrutura destas características en Lameiro. "Trátanse de obras pequenas, aínda que nalgún caso fixemos unha actuación grande con dotación de cimentación, pero que son moi demandadas polos veciños e que melloran en moito a súa calidade de vida, porque as esperas do transporte no inverno, especialmente no caso dos escolares os días de choiva, son moito máis levadeiras", detallou a rexedora local.

Así, preténdese reforzar a cobertura aos veciños e usuarios que empregan o transporte público en Moraña, xa que cómpre sinalar que hai uns 200 rapaces que empregan a diario o servizo de bus escolar e, ademais, a veciñanza atópase bastante diseminada nas 74 entidades de poboación e precisa destas infraestruturas. "Cremos que con estas tres novas infraestruturas damos un paso máis na nosa rede de marquesiñas, á que imos seguir dotando e espallando polos puntos estratéxicos", finaliza a rexedora.

O Concello de Moraña habilita novas marquesiñas
Comentarios