O Concello de Moraña inicia o reparto domiciliario de máscaras a case 4.200 veciños

A entrega, que tamén inclúe un protocolo informativo sobre o seu uso e diplomas de ánimo aos cativos, finalizará esta mesma semana

Entrega de máscaras en Moraña. DP
photo_camera Entrega de máscaras en Moraña. DP

O Concello de Moraña iniciou o reparto domiciliario de máscaras reutilizables entre os seus case 4.200 veciños co obxectivo de "favorecer a protección da súa saude nas saídas que teñan que realizar" no marco da actual crise sanitaria do coronavirus.

"Ante a demanda da poboación e pola propia decisión do goberno local a causa da recomendación do uso de mascariñas no exterior, vimos de comezar coa entrega gratuíta destes materiais cunha unidade por cada veciño censado", explicou a alcaldesa, Luisa Piñeiro.

O Concello deseñou un protocolo de seguridade consistente na introdución das máscaras que corresponden a cada casa nun sobre que se deixa, sempre que sexa posible, no buzón co obxectivo de manter a distancia social e evitar ao máximo o contacto físico. Este reparto, no que tamén se está a implicar a rexedora para axilizalo e rematalo nesta mesma semana, realízase en man cando a vivenda carece de buzón ou por circunstancias análogas.

Dentro do sobre tamén figura un protocolo informativo sobre as características técnicas e o modo de emprego destas máscaras, que son reutilizables e admiten ata cinco lavados cunha temperatura mínima de 60 grados.

Como apoio aos cativos tras seis semanas de confinamento, tamén se incluíron no sobre uns diplomas de agradecemento polo seu comportamento responsable e positivo durante este peche domiciliario.

Paralelamente, a alcaldesa anunciou que este lote xeral para a cidadanía completarase, a partires da vindeira semana, coa distribución de máscaras infantís para os 436 nenos de entre 0 e 12 anos co obxectivo de "reforzar a súa protección ante o permiso de saída para pequenos paseos que terán desde este domingo".

"Aínda que xa reciben as súas máscaras como calquera outro veciño, imos redobrar esta acción con outras máis acaídas para eles, que ademais cobran moito sentido xa que van comezar a saír á rúa e temos que coidalos”, detallou Piñeiro.

Estes lotes para os veciños están financiados integramente polo Concello de Moraña, que decidíu destinar os materiais aportados pola Xunta ao persoal municipal, do SAF, comerciantes en activo e persoas maiores en situación de vulnerabilidade e que aínda agarda entregas similares por parte do Goberno de España.

Comentarios