O Concello de Silleda está a reparar as vías e espazos afectados polas fortes choivas

A tromba de auga do pasado domingo causou problemas en localidades como A Bandeira, Carboeiro e especialmente en Taboada
Concello de Silleda. ADP
photo_camera Concello de Silleda. ADP

O Concello de Silleda está a traballar estes días na reparación e sobre todo limpeza de vías municipais e outros espazos públicos afectados polas fortes choivas dos últimos días.

A forte tromba de auga que se rexistrou ca tronada do domingo á tarde causou problemas en localidades como A Bandeira (onde xa se limpou a zona do calello da Empanada), en Carboeiro e especialmente en Taboada.

Neste último caso, hai xa un informe da Policía Local sobre os danos, xa que a tromba de auga arrastrou consigo a terra dun prado nas inmediacións de Trasdobalo e A Ponte, causando a presenza de lodos en varias vías, entre elas no tramo da calzada do Camiño de Santiago, xunto á ponte.

Dende o Concello xa se están a realizar os trámites oportunos para evitar que se volva a producir esta situación, xa que a terra do terreo en cuestión (cunha pendiente pronunciada) xa foi arrastrada noutra ocasión anterior, aínda que en menor medida que na da pasada fin de semana.

No caso de Carboeiro, a auga tamén entrou na recepción do mosteiro e noutras dependencias dada a gran cantidade de choiva rexistrada no domingo á tarde.

Comentarios