O que contan as pedras da Choza

As inscricións no que foi o lintel da reitoría parroquial de San Salvador de Saiáns e nunha escultura do templo aluden ao patrón da parroquia de Moraña e ao reitor no ano 1696
O lintel estivo integrada nun dos conxuntos de arquitectura relixiosa máis importantes da comarca. CEDIDA
photo_camera O lintel estivo integrada nun dos conxuntos de arquitectura relixiosa máis importantes da comarca. CEDIDA

A parroquia de San Salvador de Saiáns de Moraña, máis coñecida por A Choza, conta cun dos conxuntos de arquitectura relixiosa máis importantes da comarca. Unha igrexa de cincocentos metros cadrados, de planta en cruz latina, coa sancristía ó fondo, un amplo adro e unha monumental baixada enlousada entre altos balos que salva a diferencia de nivel coa reitoría. Pena que estea en estado de ruína.

Sería alo polo mes de maio do 2019 cando o incansable activista cultural de Moraña e Cuntis Francisco Ameixeiras faloume de que atopara unha pedra con inscricións na reitoría. Solicitamos os permisos ó reitor, e coa inestimable colaboración de Antonio Dono tivemos a oportunidade de estudiar o texto que contiña.

É unha pedra de gran fino, de uns 170 por 40 centímetros, que fixo durante moitos anos de lintel da porta de un dos alpendres que hai na entrada do curral da reitoral, hoxe está derrubada.

Hai catro liñas de texto, na superior, a mais longa podemos ler: SALVATOR MUNDº NOVISCUM STA. con letras grandes e pouco profundas que continúan na segunda, pero nesta so se distinguen dúas M, unha G e algunha M máis. M M G M M.

A terceira comeza co mesmo tipo de letra, de menor tamaño e de difícil interpretación ata a metade do texto, logo hai un cambio de letra, mais miúda, marcada e fonda. CTA---:MDCXCVI (1696). A T ten a parte superior curvada.

Na derradeira liña, un texto curto con letras pequenas e fondas: RLDDARVBIAIES, coa A e maila I derradeiras xunguidas para facer unha N.

Este dato concorda con outro aportado nun documento notarial onde se fala de Domingo Rubianes, reitor de San Salvador de Saiáns, neste ano 1696.

Moi posiblemente esta pedra mencionando ó patrón da parroquia, o Salvador, e a un dos seus reitores, pertencera a igrexa vella e fose reutilizada anos despois na construción da reitoral.

Estando nesta ocupación, atopamos, contra unha silveiras, o que se describe: Na baixada que leva da traseira da casa reitoral a uns terreos mais baixos con lavadoiro hai na parede lateral unha escultura en baixo-relevo na pedra cunha figura cos brazos estendidos e as mans abertas cun profuso roupaxe, atópase agora decapitada e tamén rotos os dedos polgares das mans. Ten a seguinte inscrición: HIC estFiliº Dile(c)to IPSUM AUDITE, que a podemos traducir como: "Este é o meu amado fillo, escoitadeo".

A escultura estivo integrada nun dos conxuntos de arquitectura relixiosa máis importantes da comarca. CEDIDA

Estas palabras coinciden, en parte, co que conta o apóstolo San Mateo no seu evanxelio (17-5) á conta da Transfiguración de Xesucristo. Non nos é posible datar enta escultura, moi posiblemente sexa do século XVII ou XVIII. Era moi bo que estes anacos da historia non fiquen esquecidos, e menos perdidos para sempre nos escombros ruinosos que poden chegar a ser toda a reitoría. A realización desde traballo non sería posible sen a colaboración do latinista e escritor Xesús Ferro Ruibal.

Comentarios