As cooperativas Educalecrín e Maga de Voz, primeiro premio do Olympe Emprende

Os proxectos radicados en Lalín e A Guarda foron destacados por este programa que impulsa o traballo de 13 emprendedoras galegas no eido da economía social e solidaria 
 
Os proxectos premiados. DP
photo_camera Os proxectos premiados. DP
Co propósito de impulsar o emprendemento feminino no eido da economía social e solidaria  ponse en marcha o programa Olympe Emprende. Promovido por Tandem Social, Abeluria  e Wazo Coop, o proxecto vén de pechar a súa primeira edición en Galicia con 76 horas de formación  en  liña, 12  de  acompañamento  personalizado, 16  de  xeración de comunidade grupal e máis  de  15 de networking co obxectivo de coñecer a modelos referentes e intercambiar coñecementos coas participantes do programa en Estremadura. Estas actividades foron enfocadas e adaptadas ás trece emprendedoras participantes, procedentes da Guarda, Vigo, Arbo, Lalín, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo e Vilar dos Santos.  

A través desta rede mentora e de acompañamento, as emprendedoras puideron traballar todos os aspectos dos seus negocios con impacto social –desde o propotipado, ata o plan comercial, económico e financeiro ou de márketing– e coñecer recursos que faciliten a financiación do proxecto ou a xestión de equipos, dando lugar a nove iniciativas, catro xa en activo baixo a fórmula cooperativa.  
 
Entre elas podemos atopar a de Fogares Sanxe, unha solución residencial para as persoas  con diversidade da comarca do Baixo Miño que xestionen elas mesmas e lles permita vivir de  forma independente; Maga de Voz, enfocada nas artes escénicas, principalmente no canto e a música, coa máxima de fomentar o benestar das persoas e a busca da súa propia voz desde o apoderamento e a modernidade; ou Educalecrín, unha aposta pola educación en diferentes materias –talleres, cursos, obradoiros de relacións saudables, medio ambiente, equidade de xénero, etc.– que nos axuden a vivir en equilibrio con nós, coas persoas que nos rodean e a natureza. Estas dúas últimas foron premiadas como mellor proxecto, compartindo o primeiro posto, polo seu impacto social e adherencia aos principios da economía social. O galardón, dotado  de  1.200  euros  para  cada  iniciativa, supón un importante apoio para estas cooperativas.  
 
O Cersia Empresa, en Compostela, acolleu este martes a última sesión da I Edición do Olympe Emprende. A primeira hora tivo lugar a sesión de valoración do programa da man das participantes e as cooperativas promotoras. A continuación, cara ao mediodía, celebrouse o acto de peche ca mesa redonda Emprendedoras na economía social galega, na que interviñeron mulleres referentes do sector como Rocío Rodríguez, secretaria técnica da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), Silvia Alende Fandiño, xerente de  Accede  Social  e  directiva  da  Asociación  Empresarial  Galega  de  Centros  Especiais  de Emprego  sen  Ánimo  de  Lucro  (Cegasal);  Emi  Candal  Bouzas,  socia  de  Urdime  e responsable da Sectorial de Cultura da Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop; e Pilar Rodríguez Suárez, socia de Dehistoria. 
 
Así tamén se fixo entrega dos diplomas e premios por parte do xurado desta primeira edición,  conformado  por  Susana  López  Abella,  secretaria  xeral  de  Igualdade;  Carme  Casado Casado, responsable de Desenvolvemento Económico, Oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago de Compostela; e Eva López Barrio, responsable do Programa Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Todas elas puxeron de relevo o labor do Olympe Emprende a prol da creación de proxectos galegos femininos e feministas que poñen a vida no centro. 

Comentarios