Cordeiro celebra a festividade da Candeloria coa tradicional Procesión dos Lacóns

Numerosos veciños e fregueses acompañaron a San Roque, San Antonio e San Paio no percorrido de case catro quilómetros
Trece lacóns formaron parte da procesión entre Vilar e a igrexa parroquial de Cordeiro. DP
photo_camera Trece lacóns formaron parte da procesión entre Vilar e a igrexa parroquial de Cordeiro. DP

Os veciños de Cordeiro espertaron este xoves co son das bombas que anunciaban a festividade da Candeloria, na que a parroquia revive unha das tradicións culturais e relixiosas máis senlleiras de Valga: a Procesión dos Lacóns, que percorre o traxecto entre Vilar e a igrexa parroquial, facendo paradas nas distintas aldeas para que os fregueses collan folgos e os veciños poidan venerar a San Antonio, San Roque e San Paio, protagonistas do desfile xunto coas mulleres que portan sobre as súas cabezas cestas coas patas de porco.

Esta tradición remóntase ao século XIX, cando un andazo de peste causou unha grande mortaldade no gando e os veciños comezaron a realizar ofrendas aos santos en busca da súa intercesión. Dende entón, cada ano repítese o mesmo patrón: o día de San Paio, 25 de xaneiro, San Antonio e San Roque son trasladados dende a igrexa parroquial de Santa Comba ata a capela de Vilar, onde permanecen durante máis dunha semana coma homenaxe ao patrón desta aldea. O día da Candeloria regresan de novo en procesión ao seu fogar habitual, co acompañamento de San Paio.

En total foron case catro quilómetros de ruta ata chegar á igrexa parroquial de Santa Comba. Alí o paso deu unha volta completa ao templo antes de acceder ao interior cos tres santos e as ofrendas. Manuel López e Arturo Lores, párroco de Cordeiro, cooficiaron a misa solemne, que deu paso a outro dos costumes máis arraigados desta xornada: a poxa dos lacóns, que acadaron prezos entre 30 e 65 euros. A recadación total para a parroquia foi de 580 euros.

Hoxe continúan os festexos en Cordeiro, co San Brais, festivo local. Haberá pasarrúas, misas rezadas e cantadas, así como a procesión.

Comentarios