Corenta nenos gozan do Campus Multideporte Termas de Cuntis

O programa é moi variado e contén todo tipo de actividades, deportes e visitas
2019080719242158495
photo_camera Os rapaces. CEDIDA

Cuntis acolle a quinta edición do Campus Multideporte Termas de Cuntis, un evento deportivo organizado polo Concello cuntiense e patrocinado polo balneario Termas de Cuntis que comezou o pasado 29 de xullo e rematará o 10 de agosto, en horario de mañá, de 9.30 a 13.00 horas, coa participación de 40 rapaces.

Un dos principais atractivos do campus son as instalacións do Acquaform, situadas no balneario, e en cuxa piscina exterior os rapaces xa puideron gozar de xogos acuáticos e remolláronse ben aproveitando a estupendas xornadas solleiras de finais da pasada semana, tal como explicou o coordinador do campus, Diego Vázquez.

As actividades que desenvolve o Campus están orientadas, por enriba de todo, cara á diversión dos rapaces a través do exercicio física, pero tamén o desenvolvemento intelectual, a aprendizaxe de novas habilidades e a experiencia en modalidades descoñecidas para eles ata a data.

Deportes de raqueta ou os xogos tradicionais están incluidos dentro dun intenso programa de verán, onde tampouco faltan o atletismo, deporte con gran tradición na vila termal, nin a ximnasia rítmica, unha das modalidades deportivas que experimentou un maior crecemento nos últimos tempos.

Os participantes tamén poden gozar dunha das moitas rotas de sendeirismo do contorno de Cuntis. Ademais, viviron unha festa da escuma e realizaron unha excursión ao Ecoparque de Marín o venres pasado.

Cara ao remate desta concentración, vivirán unha xornada no parque de multiaventuras Galipark de Padrón, onde probarán o tobogán acuático, o láser tag ou o rocódromo.

A visita a Padrón levarase a cabo o próximo venres. Os nenos poderán xantar xuntos nas instalacións do Galipark para rematar a xornada matutina.

Unha das principais novidades do presente exercicio é a inclusión dunha actividade do escape room.

Este exercicio consiste nun xogo mental e colectivo que ten por obxectivo final a fuxida dunha habitación na que se atopa o grupo. Os participantes dispoñen dun tempo definido para conseguilo, normalmente unha hora.

Para poder conseguir o reto, os rapaces deberán resolver unha serie de xogos dentro da sala, grazas á observación, enxeño e cooperación por medio dunhas pistas que lles proporcionarán a información necesaria para saír do lugar.

O día gris de onte non foi impedimento para que os rapaces pudiesen gozar das actividades e da convivencia.

Cada vez é máis frecuente que os nenos poidan disfrutar en campamentos como o que desenvolve o Concello de Cuntis.

Comentarios