jueves. 12.12.2019 |
El tiempo
jueves. 12.12.2019
El tiempo

Tres creadores de Moraña e Cuntis traducen, ilustran e deseñan un conto de Valle-Inclán

De esquerda a dereita: Ovidio Rodeiro, Héitor Picallo, Rocío Viéitez, Martiño Picallo e Antonio González. CEDIDA
De esquerda a dereita: Ovidio Rodeiro, Héitor Picallo, Rocío Viéitez, Martiño Picallo e Antonio González. CEDIDA
Rocío Viéitez e os irmáns Héitor e Martiño Picallo elaboraron o traballo, que foi presentado nunhas xornadas celebradas na Pobra

Tres veciños da comarca Ulla-Umia participan no primeiro libro de Valle-Inclán que se verte ao galego: Rocío Viéitez (natural de Campo Lameiro e residente en Moraña), e os irmáns Héitor e Martiño Picallo (ambos naturais do concello de Cuntis). A trixésimo primeira edición das Xornadas de Homenaxe ao escritor foi clausurada o día 30 de novembro na Pobra do Caramiñal, e neste acto celebrouse a presentación do conto titulado O meu bisavó.

Esta peza, que o propio escritor da xeración do 98 incorporara no seu libro Jardín Umbrío, foi vertida ao galego por Rocío Viéitez. Esta tradutora estivo acompañada por Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán desa localidade e autor do limiar.

'O meu bisavó' é o título dun traballo que o dramaturgo arousán da xeración do 98 incluiu no seu libro 'Jardín Umbrío'

Tamén participaron no mesmo Martiño Picallo, encargado do deseño e maquetación; Héitor Picallo, autor das nove estampas que ilustran a obra; Ovidio Rodeiro, en representación da Secretería Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; e o alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro.

As persoas asistentes a esta convocatoria recibiron cadanseu exemplar da obra que Rocío Viéitez verteu ao galego con gusto e respectando o estilo do autor, valéndose incluso de dicionarios da época para matizar e precisar o léxico desta gran figura das letras hispánicas.

A tradutora manifestou a súa satisfacción ao indicar que dentro da listaxe de idiomas aos que foi traducido o universal autor de Luces de Bohemia (algo así como trinta e tres) figure agora tamén o galego.

Por outra banda, o director da institución museográfica engadiu que xa o propio Valle-Inclán autorizara en vida a publicación de varios textos del en galego, algúns dos cales viron a luz na década dos anos 20 do século XX nas páxinas do semanario A Nosa Terra, unha revista na que colaboraba.

Martiño Picallo sinalou todos os pormenores na realización do deseño, os estilos tipográficos e as breves recreacións manuscritas que engalanan a obra.

No que afecta ás acuarelas -algunhas provistas de tecidos, madeiras e outros materiais- foron explicadas polo seu autor, Héitor Picallo, que xa ten colaborado en varias ocasións co museo da Pobra.

Ese día tamén se anunciou a colaboración que o museo pobrense está tendo coa Ana Dascalescu, pois esta profesora verterá ao romanés a mesma obra que traduciu ao Rocío Viéitez. A institución museográfica da Pobra impulsa, promove e colabora con proxectos que engrandecen a figura de Valle-Inclán e tamén o idioma e a cultura do país.

Tres creadores de Moraña e Cuntis traducen, ilustran e deseñan un...
Comentarios