O cribado de Forcarei está destinado para maiores de 40 anos "polos datos epidemiolóxicos"

A alcaldesa, Verónica Pichel, considera necesario que a proba alcance a todos os forcaricenses e manterá esa demanda
O cribado levarase a cabo no centro de saúde de Forcarei. CEDIDA
photo_camera O cribado levarase a cabo no centro de saúde de Forcarei. CEDIDA

O cribado de antíxenos cara a detectar o maior número posible de portadores asintomáticos co que se pretende coñecer o alcance real da pandemia do coronavirus neste momento en Forcarei e reducir a cifra de contaxios, limitarase ás persoas maiores de 40 anos. Esta decisión, segundo matizou o Sergas, está baseada nos "datos epidemiolóxicos". O organismo autonómico está a convocar aos participantes vía sms e chegará a un total de 2.475 persoas. Para iso cotexou a súa base de datos co censo municipal.

A alcaldesa, Verónica Pichel, que mantén un contacto case permanente coa Xerencia da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés, respecta estes novos criterios establecidos polo Sergas para levar adiante o cribado, pero trasladou ao xerente, José Ramón Gómez Fernández, que sigue considerando necesario que a proba alcance a todos os forcaricenses, polo que manterá sobre a mesa esta demanda.

O escenario escollido polo Sergas para realizar o cribado é o centro de saúde de Forcarei. Neste sentido, Pichel ofreceu de novo o pavillón de Soutelo de Montes como alternativa, sobre todo polo óptimo funcionamento do sistema covidauto que se deseñou para realizar o test de PCR que a semana pasada se efectuou alí a traballadoras e usuari@s do SAF, ademais de a persoal municipal con funcións de atención ao público. O Sergas defendeu que prefi re que a proba se desenvolva no devandito centro de saúde polas súas necesidades loxísticas.

Para levar a cabo este cribado voluntario cóntase con tres equipos de enfermaría en cada quenda, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das tomas de mostras e información aos usuarios. Os veciños recibirán un sms indicando data e hora do test. As citas comezan ás 15.30 horas deste xoves e continuarán o venres pola tarde e o sábado pola mañá, con opción de prolongarse durante a tarde desa xornada se fora necesario. Se algunha persoa maior de 40 anos non recibe a mensaxe poderá dirixirse o sábado ao centro de saúde de Forcarei.

A alcaldesa resalta que o nivel de colaboración entre Xerencia e Concello está a ser constante, tanto para a organización do cribado como para outras cuestións ligadas á loita contra a pandemia.

Comentarios